Carmela Silva e Susana Díaz estreitan lazos en Fitur
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz, estreitaron lazos este mércores na Feira Internacional de Turismo Fitur en Madrid. As dúas políticas socialistas departiron longamente e, segundo a presidenta provincial, a líder do PSOE andaluz "amosouse encantada" coa colaboración establecida entre Pontevedra e Jaén para a posta en valor dos seus elementos patrimoniais
Segundo indicou a Deputación a través dun comunicado, Carmela Silva mantivo unha reunión co presidente da Deputación de Jaén, Francisco Reyes Martínez, e exploraron as distintas vías de colaboración que as dúas institucións provinciais poden levar a cabo en materia da posta en valor dos patrimonios históricos e culturais de cada unha das dúas provincias.
O encontro tivo lugar no stand da Junta de Andalucía e facilitou que coincidiran Carmela Silva e Susana Díaz. Ambas as dúas "falamos das nosas potencialidades e de como seguir apostando e dedicando recursos para que España se converta aínda máis nunha superpotencia turística", segundo indicou a presidenta provincial. Ese impulso debe chegar, desde o seu punto de vista, a través de turismo de calidade, de excelencia, respectuoso co entorno e que permita manter todos os recursos medioambientais.
As dúas líderes socialistas aproveitaron para reclamar que o Goberno de España reinicie o proceso de apoio ás deputacións e aos concellos con recursos para que o patrimonio de España poida ser un elemento de atracción turística. Lembraron que, para logralo, precísanse investimentos e recuperar os proxectos que foron parados produto da crise.
Os presidentes de Pontevedra e Jaén tamén abordaron o protocolo de posta en valor de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia, que une ás dúas provincias, ao ter ambas as dúas un número moi importante de xacementos arqueolóxicos que, segundo Carmela Silva, "temos que recuperar porque é a nosa tradición, a nosa historia e o lugar de onde vimos".
Relacionadas:
-
Carmela Silva ve a Susana Diaz como a única "con capacidade para unir e fortalecer" o PSOE
Por Natalia Puga |
-
As Rías Baixas pasearán en autobús por Madrid
Por Redacción |
-
A comarca de Pontevedra, protagonista en Fitur
Por Alejandro Espiño |
-
Os ecos de Cambados como Cidade Europea do Viño chegan a Fitur
Por Redacción |
-
O Camiño pola Costa viaxa a FITUR coa voz do músico Teo Cardalda
Por Redacción |
-
Cambados aposta forte polas actividades do proxecto de Cidade Europea do Viño 2017
Por Redacción |