Zona Monumental reclama un amplo consenso para actualizar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño
Modificar a actual ordenanza de terrazas "puede parecer fácil pero no lo es". Con esas palabras resume o presidente da asociación de comerciantes Zona Monumental, Miguel Lago, a postura da xunta directiva deste colectivo ante o inicio dos trámites para que os hostaleiros conten cunha nova normativa para os seus veladores.
Nunha reunión celebrada hai uns días, Zona Monumental analizou as "implicaciones" e os "problemas" que podería xerar a nova ordenanza. E unha cousa teñen clara: fará falta un amplo consenso para modificala, xa que o Concello non só debería consultar cos hostaleiros, senón tamén con outros sectores "que se puedan ver afectados".
Así, Miguel Lago reclama que a rolda de contactos que iniciará o goberno municipal para recoller suxestións dos hostaleiros inclúa tamén aos comerciantes, ás asociacións de veciños ou mesmo aos responsables de Sanidade. Estes últimos, sinalou, "tienen mucho que decir" polas implicacións da coñecida como lei antitabaco.
Os comerciantes do centro histórico entenden que a nova normativa debería permitir un uso "compartido" dos espazos públicos porque son "de todos los ciudadanos". Por iso, aínda que defende que os hostaleiros poidan traballar nas mellores condicións posibles, advirte que iso non se pode producir "a costa de crear problemas a otros agentes".
Ademais, Lago lembra que modificar esta ordenanza podería obrigar a cambiar tamén outros regulamentos municipais. Cita, entre outros, os horarios de carga e descarga, que segundo Zona Monumental poderían verse afectados polo cambio dos horarios nas terrazas da hostalería; a normativa sanitaria ou a protección a persoas con mobilidade reducida.
E a iso habería que sumar que coa actualización da ordenanza preténdese regular aspectos como os toldos, os paravientos, as estufas e demais elementos das terrazas da hostalería local, cuestións que para o centro histórico pode ter "complicaciones" debido á protección que exerce o Peprica en todo este ámbito.
Tamén destaca que, para montar estas terrazas, haberá que ter en conta o horario no que a empresa encargada do servizo de limpeza viaria e da recollida de lixo baldea e limpa as rúas porque entende que os veladores só poderíanse montar "siempre que se haya limpiado antes", aínda que teñan que facelo os propios hostaleiros.
En cuestións máis concretas, o presidente de Zona Monumental afirma estar de acordo coa posibilidade de que se permita aos hostaleiros adiantar o horario permitido para instalar as súas terrazas e suxire a posibilidade de que se establezan requisitos diferentes para a hostalería do centro histórico, atendendo ás súas particularidades.
Relacionadas:
-
O Concello, "predisposto" a ampliar o horario das terrazas da hostalería
Por Alejandro Espiño |
-
Os cambios na ordenanza de terrazas e veladores supoñerán un "proceso longo" de negociación
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Unha nova ordenanza de veladores e terrazas, co silencio xeralizado "a priori" da hostalería
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra terá nova ordenanza de terrazas e de protección animal
Por Alejandro Espiño |
-
Unha nova ordenanza regulará as terrazas e veladores da hostalería
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide unha nova ordenanza para regular as terrazas na cidade e ampliar os seus horarios
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada