Malestar no Castañal por unhas obras do Concello no barrio
Por Redacción
Veciños do barrio do Castañal mostraron o seu malestar polas obras de reforma urbana que o Concello de Pontevedra está a realizar neste ámbito da cidade, especialmente na rúa Mestre Soutullo.
Os portavoces veciñais lamentan ser "ignorados" polo goberno municipal, xa que aseguran que as reunións con eles foron "inexistentes" para explicarlles os detalles destes traballos.
Con respecto a estas obras, os veciños non ven "lóxico" que se duplique o ancho das beirarrúas nos dous tramos de Mestre Soutullo, nas interseccións das rúas Castañal e Gaiteiro de Soutelo, ao entender que non é necesario tan amplitude.
Ademais, critican a "absurda" eliminación das prazas de aparcadoiro nesta rúa, algo que os veciños cren que repercutirá negativamente nos residentes do barrio, xa que a maior parte dos edificios do barrio non dispoñen de garaxe.
A pesar deste malestar, o Concello segue adiante con estas obras de mellora da accesibilidade e a seguridade viaria no barrio.
Na rúa Mestre Soutullo, instalaranse tres lombos e outros dous nas rúas Gaiteiro Soutelo e Castañal. Ademais, prevese ampliar as beirarrúas e, no caso da primeira rúa, completala ata o final do viario, xa que actualmente carece dela.
Estas obras súmanse a outros traballos realizados a mediados do pasado ano no barrio. Pavimentáronse as rúas Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas e Forcarei, e instaláronse pasos de peóns elevados e redutores de velocidade en todas elas, así como en Loureiro Crespo.
Tamén se reconstruíron as beirarrúas en Ángel Amor Ruibal, onde se crearon pasos elevados e prazas de aparcadoiro, segundo o Concello. O mesmo tratamento recibiu o segundo tramo desta rúa, desde a Praza das Regas ata a rúa Fragas.