O Colexio de Avogados e Ángela Paz García reciben os máis comprometidos premios Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un corredor de honra realizado polas amigas de Ángela Paz García ás portas do Teatro Principal foi a antesala dun Pleno emotivo no que se entregaban os premios Cidade de Pontevedra tanto á presidenta da Asociación Socio Sanitaria Educativa de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASEEI) e ao Colexio de Avogados de Pontevedra, cuxo presidente Ramón Jáudenes foi o encargado de recoller o premio do apartado de persoas xurídicas.
Os gaiteiros da agrupación Os de Algures escoltaron aos premiados na súa subida ao escenario no que se atopaban os membros da corporación. Representantes das forzas de seguridade, da actividade empresarial, educativa, cultural e da política como Lupe Murillo, Lola Dopico, Pilar Portela, Guillerme Vázquez, Ramón Loureiro ou Andrea Bayer asistiron tamén a este acto desde as butacas do Teatro Principal, onde se atopaba Verísimo Pazos, candidato este ano ao premio de persoas físicas.
Angela Paz García realizou un discurso emotivo no que lembrou aos colectivos que, desde o ano 1982, colaborou con persoas que sufrían parálise cerebral, menores en perigo de exclusión social e sinalou que sempre había unha muller detrás de todas aquelas persoas que sufrían situacións complicadas. E así relatou tamén como a súa nai acompañábaa a Madrid e estivo ao seu lado día e noite cando ela sufriu problemas de saúde do mesmo xeito que atopou o apoio das persoas coas que ela colaborara. Terminou o seu discurso dicindo "Vai por esas mulleres loitadoras".
Pola súa banda, Ramón Jáudenes, decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, tivo tamén palabras de agarimo cara a Ángela Paz de quen dixo que "ao minuto de coñecela, un queda prendado dela. Es unha crack", comentoulle.
O letrado fixo referencia aos 179 anos de vida que ten a institución, unha das máis históricas da cidade. E ao longo do seu discurso fixo referencia aos máis sufriron a crise económica. O Colexio realizou un traballo de asesoramento solidario con aquelas persoas que tiñan que facer fronte a desafiuzamentos.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que estaba demostrado o compromiso de ambos os premiados que "non son negociantes interesados" e destacou a actividade dinamizadora de Ángela Paz e a posta en marcha da oficina de atención ás vítimas bancarias do Colexio de Avogados, que serviu de exemplo para que a Xunta crease unha para toda Galicia.
O acto concluíu coa entrega dun debuxo nunha cartulina vermella no que se simbolizaba un corazón por parte dos premiados á corporación e cunha interpretación do himno galego a cargo da agrupación Os de Algures.