A Garda Civil disolve unha concentración ilegal de vehículos no Campiño
Por Redacción
A Garda Civil disolveu a madrugada do pasado sábado unha concentración ilegal que reuniu uns 100 vehículos e 300 persoas que acudiron como espectadores, procedentes de varios puntos da provincia, fundamentalmente da contorna de Pontevedra.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, a finalidade deste tipo de "quedadas" que, como vén sendo habitual convocouse a través de mensaxería instantánea, adoita ser a realización de carreiras ilegais e exhibicións de conducións temerarias.
Nesta ocasión, o dispositivo especial establecido por efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra puido constatar como un importante número dos vehículos que se concentraron estaban a utilizar os distintos viarios do polígono industrial do Campiño para levar a cabo imprudentes exhibicións de condución evasiva, con bruscos aceleróns e derrapaxes sobre o asfalto, poñendo en evidente risco tanto a integridade física dos pilotos, como dos demais usuarios e espectadores.
Finalmente, os efectivos da Garda Civil de Tráfico localizaron e denunciaron administrativamente a un total de 14 condutores por distintas infraccións ao Regulamento Xeral de Circulación: 5 por conducir de forma temeraria ou neglixente; 3 por arroxar resultado positivo en sustancias psicoactivas, 1 por non facer uso dos dispositivos de seguridade obrigatorios, 2 por non respectar a sinalización de prioridade e outros 3 condutores por distintas infraccións á normativa de vehículos.
SANCIÓNS
En vía administrativa, a condución temeraria sanciónase cunha multa de 500 euros e a detracción de 6 puntos. Pola súa banda, a infracción pola presenza de drogas está catalogada como moi grave e castigada cunha sanción económica de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos.