O saneamento de Mourente, en prazo: estará rematado en outono
A obra para dotar de saneamento aos lugares do Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados, entre Mourente e Bora, avanza segundo os prazos previstos. Así o comprobou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que este martes revisou o estado no que se atopan estes traballos, nos que se invisten preto dun millón de euros.
Acompañado de veciños de Mourente, Fernández Lores explicou que estes traballos dan reposta a unha demanda "razoable" da parroquia e con eles completarase "practicamente" todo o saneamento pendente nesta zona.
A obra ten un prazo de execución de nove meses pero, ante a ausencia de choivas neste inverno, o alcalde confía en que poidan estar concluídas xa no verán. En todo caso, "salvo contratempos" o saneamento estará executado no outono.
En total, colocaranse 5.000 metros lineais de tubaxes, ás que sumará unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros, neste mesmo tramo que discorre en paralelo á N-541, a estrada entre Pontevedra e Ourense.
Nestes momentos, trabállase na instalación da canalización xeral. Xa se executaron os ramais secundarios, que axudarán a completar unha rede que dará servizo a unhas 160 vivendas destes catro lugares.
A rede de saneamento de Mourente é a última obra do convenio de colaboración asinado entre o Concello e Fomento. Cando conclúan os traballos de instalación, o ministerio construirá novas beirarrúas e implantaranse medidas de seguridade viaria.
Relacionadas:
-
160 vivendas de Mourente poderán conectarse ao saneamento nas próximas semanas
Por Redacción |
-
18 millóns para a A-57, principal aposta de Fomento para Pontevedra en 2017
Por Alejandro Espiño |
-
O saneamento do rural completarase con cargo ao novo contrato da auga
Por Alejandro Espiño |
-
As obras para completar o saneamento de Mourente iniciaranse antes de final de mes
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno pontevedrés vixiará as conexións á rede de saneamento no rural
Por Oskar Viéitez |