Alertan da presenza dun niño de avespa asiática nos arredores do centro de saúde de Lérez
Por Redacción
Veciños da parroquia de Lérez móstranse preocupados ao detectar a presenza dun niño de avespas asiáticas que se formou nunha árbore situada nunha leira próxima ao centro de saúde de Lérez.
Desde que se detectaron en Galicia por primeira vez no ano 2013, a súa presenza está a facerse habitual. Esta especie, coñecida tamén como vespa velutina, é invasora e procede do sueste asiático.
Segundo a Xunta de Galicia, afecta á produción de froitos e expándese por zonas urbanas e semiurbanas incrementando o risco de picaduras. O seu maior perigo atópase en que son predadoras doutros insectos, especialmente das abellas, que supoñen unha parte considerable da súa dieta. Por este motivo, é importante alertar ante a súa presenza xa que pode afectar as producións apícolas galegas e á biodiversidade autóctona.
Os niños da avespa asiática son de forma redondeada ou piriforme e de maior tamaño que os da avespa autóctona. Atópanse habitualmente no alto das árbores e chegan a medir ata un metro de alto. A entrada ao niño atópase na zona media, a diferenza da avespa autóctona, que a sitúa na base.
Desde a Consellería do Medio Rural recomendan á poboación que se manteña a máis de cinco metros de distancia dos niños para evitar picaduras. Estas avespas non son máis agresivas pero atacan sempre que se atopen ameazadas.
A Xunta de Galicia pide á cidadanía que comunique a aparición destes niños a través do teléfono 012.