Estas oito condutas ao volante puxeron en perigo a ciclistas e xa foron denunciadas
Por Natalia Puga
Un vehículo que non respecta a distancia de 1,5 metros á hora de adiantar un ciclista cando leva no interior unha cadeira de bebé, outro condutor que o fai cando aínda está a aprender nun coche de autoescola, un que ademais lle corta o paso ao vehículo de dúas rodas. Son tres casos, pero os colectivos Pedaladas e Masa Crítica contabilizaron ata oito en tan só un mes en Ponteveda e os seus arredores.
En total, formularon oito denuncias por infraccións 'cazadas' por ciclistas anónimos que se uniron á súa campaña 'Cero Violencia Viaria: Obxectivo Cero mortos'.
Os colectivos ciclistas difundiron este mércores as fotos destas oito denuncias localizadas no mes de decembro e que xa formalizaron ante as autoridades competentes tras detectar aos condutores infractores en estradas de Marín, Pontevedra e Poio, destacando que tres de oito se rexistraron na estrada PO-546, a coñecida estrada vella de Marín. Precisamente, nesta estrada centran boa parte das súas reivindicacións ao ser un vial moi transitado despois de que se prohibira o paso de clistas pola autovía de Marín.
Difundir estas oito fotografías é a quinta acción do programa 'Cero Violencia Viaria: Obxectivo cero mortos' e recoñecen que é a "máis polémica e controvertida". De feito, denuncian publicamente que nas redes sociais recibiron tanto insultos como nalgún caso mesmo ameazas por facer públicas estas infraccións. Os autores deses comportamentos son "persoas que non queren que mostremos o que pasa no asfalto e que non o poñamos en coñecemento das autoridades".
Ao respecto, lembran que a denuncia voluntaria é "un dereito que temos todos, tanto condutores, como peóns e ciclistas" para denunciar os feitos que se dan na estrada, para que as autoridades inicien un expediente sancionador en caso de que aprecien ilegalidades.
Os socios de Pedaladas levan case dous anos denunciando as condutas perigosas que se atopan na estrada, comunicándoo ás autoridades e achegando probas gráficas para que o expediente sancionador termine nunha sanción ao condutor que os puxo en perigo. Esta campaña de denuncia voluntaria non se interrompe en ningún momento do ano.
Fronte ás críticas que reciben, queren deixar claro que a súa intención non é aumentar a recadación do Estado a través de multas de tráfico, senón concienciar aos condutores de que non respectar o metro e medio é un dos motivos polos que se producen os sinistros con bicicletas implicadas e que calquera ciclista pode denunciar cando se pon en perigo a súa vida.
Recoñecen que desde que comezaron a campaña de denuncia voluntaria apreciaron unha mellora no coñecemento e comportamento da maioría dos condutores, pero aínda segue a existir unha parte minoritaria que arrisca as vidas dos ciclistas co seu comportamento ao volante.
Relacionadas:
-
O PP critica que a Mesa pola Bicicleta leve dende agosto sen reunirse
Por Oskar Viéitez |
-
Cuadriplícanse as sancións a ciclistas en catro anos: 183 en 2016
Por Redacción |
-
As infraestruturas non son neutras nos sinistros viarios
Por Oskar Viéitez |
-
Ao insti, en bici e seguros
Por Redacción |
-
Búscanse activistas contra a violencia viaria
Por Redacción |