Lores chama a unha aperta masiva ao Provincial porque "costou bágoas e suor gañalo"
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fai un chamamento aos pontevedres a que se sumen ao acto convocado por SOS Sanidade Pública para rodear o Hospital Provincial cunha aperta colectiva este xoves 7 de marzo ás 19.30 horas.
Lores defende a convocatoria como un acto contra a privatización da sanidade e polo hospital único de Pontevedra e sostén que protestas coma esta "son ás únicas armas para defender o noso, o que nos queren quitar e o que nos costou lágrimas e suor gañar durante anos".
Solicita a participación na protesta porque supón a defensa "do mellor sistema sanitario de Europa, o único universal, gratuíto e de calidade". De feito, a plataforma convocante chama a toda a cidadanía da área sanitaria Norte de Pontevedra a "rexeitar as políticas de recortes e desesmantelamento e privatización da sanidade pública que promove o PP".
O voceiro de Anova-Irmandade Nacionalista Pontevedra, David Carballal, tamén apoia a mobilización porque, na súa opinión, "a sanidade pública gratuíta, de calidade, e universal, que todos temos construído durante os últimos 30 anos, está en perigo polos recortes que o Goberno Galego do PP está a levar a cabo".
"A sanidade pública é cousa de todos porque todos a pagamos cos nosos impostos. Os cidadáns non debemos permitir que alguén queira enriquecerse coa nosa saúde, nin que se negocie coa nosa enfermidade. A saúde non é un negocio, a saúde pública é un dereito. A saúde pública , non se vende, deféndese", indica Carballal.