Ponte Caldelas reclama ser base dunha ambulancia asistencial
Por Redacción
Unha ambulancia asistencial para as 24 horas do día con base en Ponte Caldelas e que atenda a toda a área do Verdugo-Oitavén. É a reivindicación que saíu dunha xuntanza técnico-política que se celebrou no Concello nas últimas horas.
Nela participaron, por unha banda, o goberno local de Ponte Caldelas e concelleiros dos grupos municipais na oposición de A Lama e Cerdedo-Cotobade; e pola outra, directivos da Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias de Galicia (Asgate) e de Xestores de Emerxencias (Tesgalicia).
Despois de analizar a escaseza de recursos na área sanitaria de Pontevedra, onde só se dispón dunha ambulancia medicalizada e de dúas asistenciais para atender un territorio moi amplo, a conclusión foi reclamar a instalación, con base en Ponte Caldelas, desta terceira ambulancia.
Esta mellora acurtaría, segundo os asistentes, nun mínimo de 20 minutos os tempos de atención a todos os veciños de Ponte Caldelas, A Lama, parte de Cerdedo-Cotobade e Soutomaior, que son os que están a recibir unha atención máis deficiente.
Todos os concellos afectados debaterán nos seus plenos mocións para reclamar esta mellora.
As dúas ambulancias asistenciais existentes para a área sanitaria de Pontevedra, recordan desde o goberno caldelán, están radicadas en Monte Porreiro e teñen tempos de desprazamento demasiado longos para chegar a determinados lugares afastados nesta bisbarra.
A situación é "especialmente grave" en A Lama e en Cerdedo-Cotobade, onde segundo sinalaron "non é estraño" que acuda a ambulancia de Avión (Ourense), pois é frecuente que todos os recursos de Pontevedra estean ocupados.
Cada un destes vehículos realiza unha media de máis de 100 servizos á semana, polo que totalizan máis de 5.000 saídas ao ano. "Non se está a ofrecer un servizo de calidade e hai moitos días nos que non dispoñemos de cinco minutos libres diante da avalancha de chamadas", denunciaron os técnicos.
Andrés Díaz subliñou que o problema é especialmente grave nos concellos do rural, onde hai unha maior dispersión poboacional e tamén residen persoas de maior idade, que son moito máis demandantes deste recurso sanitario. "A diferenza entre a vida e a morte, moitas veces é o tempo de resposta e consideramos que estamos moi mal atendidos", subliñou.
Os expertos coincidiron en que a solución idónea sería a instalación en Ponte Caldelas, dada a súa posición xeográfica central, dunha ambulancia asistencial, cubrindo así dende o propio territorio a unha área moi ampla e con moita demanda deste servizo.
Relacionadas:
-
O alcalde de Ponte Caldelas volve reclamar unha ambulancia asistencial: "Estamos moi mal atendidos"
Por Almu Dapena |
-
A corporación de Ponte Caldelas pide, por unanimidade, una base de ambulancias
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama destaca a súa idoneidade para situar a base da ambulancia solicitada por Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Piden en Change.org un servizo de Emerxencias para A Lama e Ponte Caldelas
Por Redacción |