Carmela Silva, satisfeita pola reapertura do caso dos insultos machistas realizados contra ela
Por Redacción
Satisfeita, así se mostraba a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, tras coñecer a decisión da Audiencia Provincial de Pontevedra de reabrir o caso tras o auto emitido pola xuíza de violencia de xénero do Xulgado de Instrución número 3 que non atopara delito en chamar "mala zorra", "furcia", "hija de puta" e "sinvergüenza" á presidenta da institución provincial.
Algúns destes insultos foron realizados por un concelleiro do PP de Moraña, Jorge Caldas, responsable naquel momento do departamento de Igualdade. As expresións escribíraas no seu Facebook criticando que o goberno da Deputación se negara a apoiar economicamente a celebración dun rally en Vigo. Jorge Caldas dimitía, días máis tarde, do seu cargo público. Tamén se denunciou a unha segunda persoa por estas expresións.
O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero, decidiu no seu día arquivar a causa porque aínda que recoñeceu que a linguaxe empregada era "soez", concluíu que as expresións proferidas por este edil non eran constitutivas de delito ao ser proferidas "no exercicio do dereito á liberdade de expresión" e que este tipo de termos non resultan "inhabituais" nas manifestacións de cargos públicos.
A Audiencia de Pontevedra ordena agora reabrir o caso xa que, tal e como aseguran as maxistradas no seu auto, a decisión de arquivar a denuncia foi "precipitada" xa que non se practicou ningunha dilixencia de investigación para pescudar a "verdadeira finalidade" das devanditas expresións por parte das dúas persoas investigadas.
"Tratándose de expresións, sen dúbida, obxectivamente ofensivas é necesario pescudar se concorre ou non o elemento subxectivo do delito denunciado", lembran as maxistradas, especialmente porque entenden que ditas expresións pronunciáronse nunha rede social "de gran difusión".
A presidenta indicou que temos que poñer límites ás violencias machistas. As máis graves son as lesións e os asasinatos pero hai moitas que parten do insulto ou da utilización da imaxe da muller coma se se tratara dun obxecto e "non de persoas libres con capacidade, que loitan por ocupar un espazo na sociedade", apuntou Carmela Silva.
A máxima representante da provincia afirma que a decisión da Audiencia é o que hai que facer nunha sociedade decente, avanzada, que queira contar con máis da metade da poboación. Asegura que "non se pode permitir" que se insulte ás mulleres e esa actitude quede sen sanción.
Silva fixo un chamamento a homes e mulleres da sociedade porque entende que é fundamental e obrigado que se denuncien estes comportamentos en contra das mulleres. A presidenta da Deputación admitiu que a primeira denuncia a presentara en representación de todas as mulleres que sofren este tipo de insultos "cada día, todos os días, e non teñen voz". A sociedade, concluíu, ten que saber que fronte aos insultos hai instrumentos de todo tipo, políticos, sociais e tamén xudiciais para facerlle fronte e que desaparezan da sociedade.
A responsable da Deputación Provincial lamentou tamén o asasinato nas últimas horas dunha muller do Carballiño (Ourense) presuntamente polo seu marido. Levamos seis vítimas en 2017, indicou Carmela Silva, e lembrou que é necesario loitar contra as violencias machistas para evitar os asasinatos das mulleres polo feito de ser mulleres. Durante o acto de inauguración da exposición de humor gráfico de Luis Davila na Deputación gardouse un minuto de silencio.
Relacionadas:
-
Condenado o ex concelleiro do PP que insultou a Carmela Silva por redes sociais
Por Alejandro Espiño |
-
Comisións Obreiras acusa a Carmela Silva de usar as políticas de igualdade para a súa "promoción persoal"
Por Oskar Viéitez |
-
Presentan unha queixa ante o Poder Xudicial polo arquivo dos insultos a Carmela Silva
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación lamenta que "haxa mulleres que non se somen á loita pola igualdade"
Por Oskar Viéitez |
-
Unha xuíza de violencia de xénero ampara na liberdade de expresión chamar "mala zorra" á presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva non quere disculpas polos insultos porque "non son suficientes" cando se "agrede" a mulleres
Por Marisa Ciordia |
-
Dimite o edil do PP que chamou "mala zorra" á presidenta da Deputación
Por Redacción |
-
Os socialistas denuncian ante Fiscalía ao edil do PP que chamou "mala zorra" a Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Un edil do PP de Moraña chama "mala zorra y sinvergüenza" a Carmela Silva en Facebook
Por Redacción | Creada e actualizada