O PSOE denuncia a situación dos servizos sociais en Monte Porreiro
Por Redacción
O PSOE local denuncia que desde que o BNG asumiu a área de Benestar Social está a detectarse unha erosión imparable das políticas sociais públicas. A agrupación sinala que existe un "absoluto desinterese por parte do alcalde e unha xestión caótica e incoherente da concelleira responsable", segundo apuntou a concelleira do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra, Paloma Castro.
Os socialistas afirman que se rebaixou a dotación e non se atenderon as necesidades que se indican polas propias traballadoras da área de Servizos Sociais. Neste sentido, pon como principal exemplo a situación que se rexistra na urbanización de Monte Porreiro. Na actualidade, este barrio conta con dúas traballadoras sociais a tempo parcial que cobran a xornada dunha soa.
Con estes medios humanos, indica o PSOE, xestionáronse máis de 1.100 citas de atención durante 2016.
Paloma Castro indica que ante este volume de traballo, alguén que solicitaba unha cita o 25 de xaneiro tiña que esperar ata o 22 de febreiro, cunha das traballadoras sociais, ou ao 8 de marzo. "Inadmisible. É intolerable que a xente con necesidades profundas teña que esperar un mes no mellor dos casos para ser atendida. Hai moito corazón de pedra no goberno do BNG", critica a socialista.
Sinala que o modelo de cidade non é só exhibir unhas fotos das rúas e das beirarrúas senón que é necesario atender ás necesidades da xente, sobre todo de aquellla que máis necesita aos poderes públicos e facelo con dilixencia". Por este motivo, Paloma Castro reclama máis investimentos nas persoas e menos nas exposicións de fotografía para autobombo.