Varapau xudicial a Sogama: o Concello non terá que pagar as facturas pendentes
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra non terá que abonar as facturas pendentes de Sogama. Polo menos as relativas ao periodo comprendido entre agosto e decembro de 2008. Así o ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Nunha sentenza contra a que non cabe recurso algún, ratifica as teses defendidas polo goberno municipal para non aboar o canon fixado desde o 1 de xaneiro de 2004.
Este canon obriga aos concellos adscritos a Sogama a pagar 44 euros máis 7 por cento de IVE por tonelada de residuos sólidos urbanos tratada, vinculando as revisiones exclusivamente ao incremento do IPC. Pero Pontevedra rexeitou a aplicación desta cláusula ao entender que carecía de validez en virtude do contrato asinado en 1999. Só abona o canon fixado entón e ás súas actualizacións de IPC, aplicando unilateralmente o desconto do prezo da enerxía.
Segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, a sentenza é "unha excelente nova" para o Concello de Pontevedra. Non só porque non deberá abonar os 300.000 euros que Sogama reclamaba destes cinco meses de 2008, senón porque o organismo reclama cantidades que superan os 3 millóns de euros dos exercicios entre 2009 e 2012. "E agardamos que o resto das sentenzas vaian polo mesmo camiño".
Para trasladar a diferenza de criterios entre Sogama e o Concello de Pontevedra, Raimundo González asegurou que en 2012, Sogama reclamaba aos municipios adscritos ao seu organismo o pagamento de 59,7 euros por tonelada de residuos, mentres que o goberno municipal só recoñecía 32,5 euros. De aí a notoriedade, dixo, dunha sentenza "que será un punto de inflexión importante" neste litixio xudicial.
O edil nacionalista apuntou que "nós o que facemos é defender os intereses do Concello e dos nosos veciños, non como outros". Así facía referencia ao grupo municipal do PP, do que recordou que "reiteradamente" instoulles en pleno a pagar as facturas pendentes "e o tempo acabou por darnos a razón". Visto o resultado xudicial, dixo, "houbéramos dilapidado os cartos do Concello".
"O único que nos move é a defensa dos intereses do Concello e os defenderemos ata a extenuación", concluíu Raimundo González.
Relacionadas:
-
Sogama vence a Pontevedra nos tribunais e recibirá case 4 millóns de euros en atrasos
Por Alejandro Espiño |
-
Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra aforrará 950.000 euros no 2013 ao pagar menos do que reclama Sogama
Por Alejandro Espiño |