Miguel Pérez non seguirá á fronte do PP do Grove
Por Redacción
Miguel Pérez, ex alcalde do Grove, deixa paso á fronte do PP da vila. O congreso local que o partido celebrará o próximo 11 de marzo elixirá unha nova dirección e, ao mesmo tempo, un novo presidente que lidere a nova etapa que abrirán os populares mecos.
Así o confirmou o presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, durante a reunión que mantivo cos afiliados do PP local, xunto co secretario xeral, José Manuel Cores Tourís, e o propio Miguel Pérez.
Tal e como estaba previsto, o congreso do PP local celebrarase no primeiro trimestre do ano, xusto cando se cumpren 3 anos do anterior congreso, celebrado o 9 de marzo de 2014.
A próxima semana será a xunta local a que se encargue de convocar o congreso e aprobar o nome das persoas que conformen o comité organizador e que serán as encargadas da organización desta cita.
O presidente provincial explicou que é o momento de dar un "novo impulso" ao partido no Grove, de crear un equipo "con ideas novas" e sobre todo, "que volva a ilusionar" aos simpatizantes do PP e a todos os veciños que lles apoiaron no seu momento.
Rueda aproveitou ademais para agradecer o traballo de Miguel Pérez e sobre todo a súa "xenerosidade", ao entender que é o momento de facer este cambio, de afrontar cun novo equipo o futuro do partido para encarar con garantías as eleccións municipais de 2019.