Tensa espera en ENCE antes de coñecer o número de despedimentos en Lourizán
Por Redacción
Continúan as concentracións de protesta dos traballadores de ENCE no interior do recinto da fábrica en Lourizán aproveitando a parada técnica desta semana. Son protestas organizadas no cambio correspondente polo comité de empresa como protesta ao despedimento anunciado por parte da dirección de 144 traballadores nas tres factorías de ENCE e na sede de Madrid.
O representante do comité, Antonio Ligero, afirma que non van consentir esta proposta porque a empresa se encontra no seu mellor momento con máis de 148 millóns de beneficio. Entende que sería traumático que traballadores que levan máis de vinte e de trinta anos na factoría vaian ser despididos sen ningunha razón lóxica.
Mentres tanto, en Madrid continúan as negociacións entre os representantes dos traballadores e a dirección da empresa. Hoxe, no segundo día de negociacións, o persoal agarda que a empresa ofreza o dato de cantos serán despedidos en cada unha das factorías dentro do ERE anunciado.