A corporación de Ponte Caldelas pide, por unanimidade, una base de ambulancias
Por Oskar Viéitez
O pleno de Ponte Caldelas aprobou este venres definitivamente o orzamento municipal para 2017, cun importe global de 3.386.422,52 euros. As contas, que xa foran aprobadas inicialmente o pasado mes de decembro, culminan agora a súa tramitación.
Por outra banda, o pleno de Ponte Caldelas aprobou por unanimidade a moción presentada polo goberno local pola que se insta á Xunta de Galicia a crear nesta localidade unha base para servizo de ambulancia asistencial 24 horas, dando así cobertura aos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Lama e a zona interior de Soutomaior.
Na exposición de motivos destácase que esta zona do interior da provincia padece especialmente as carencias derivadas do déficit dotacional que hai na área asistencial de Pontevedra. Os colectivos profesionais de técnicos en emerxencias sanitarias xa teñen demandado o reforzo do parque de ambulancias pontevedrés, actualmente composto por unha ambulancia medicalizada e dúas asistenciais, coa reclamación dunha terceira ambulancia asistencial.
"A diferenza entre a vida e a morte ao falar dun servizo como son as emerxencias sanitarias radica na cobertura cuns medios acaídos, ben implantados no territorio, ben dotados de medios humanos e materiais e, sobre todo, cuns tempos de resposta reducidos ", explica a moción.
O texto engade que os problemas derívanse da escaseza de recursos, pois as dúas ambulancias asistenciais existentes atenden máis de 100 servizos semanais e superan os 5.000 servizos ao ano.
O goberno local de Ponte Caldelas impulsou hai poucos días unha xuntanza cos directivos da Asociación de Técnicos de Emerxencias de Galicia (Asgate) e de Xestores de Emerxencias (Tesgalicia) e na que participaron concelleiros dos municipios afectados. Segundo o goberno local, "na xuntanza quedou claro que o servizo que se está a prestar non é de calidade e que situar unha ambuncia en Ponte Caldelas reduciría os tempos de atención en toda a área nunha media de 30 minutos".
Relacionadas:
-
O alcalde de Ponte Caldelas volve reclamar unha ambulancia asistencial: "Estamos moi mal atendidos"
Por Almu Dapena |
-
Ponte Caldelas expresa o seu malestar polo "deficiente" servizo de bombeiros
Por Redacción |
-
Facebook, aliado da Garda Civil para socorrer un veciño de Forzáns
Por Natalia Puga |
-
A Lama destaca a súa idoneidade para situar a base da ambulancia solicitada por Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reclama ser base dunha ambulancia asistencial
Por Redacción |
-
Piden en Change.org un servizo de Emerxencias para A Lama e Ponte Caldelas
Por Redacción |