Ana Pontón: "O actual modelo de financiamento fai perder ao Concello de Pontevedra 4,12 millóns de euros anuais"
Por Oskar Viéitez
A portavoz nacional, Ana Pontón, explicou o modelo de financiamento autonómico que propón o BNG nun acto aberto á cidadanía celebrado en Pontevedra: "O concerto económico" que, en palabras da dirixente do Bloque, consiste en "ter o control e a xestión total de todos os recursos de Galiza", pola vía dos impostos ou transferencias, "e facer contas co Estado ao final de cada exercicio aportando a facenda central a cantidade que corresponda".
Con este sistema a nosa comunidade disporía de 3.500 millóns de euros adicionais "que permitirían acabar cos recortes en servizos públicos e sociais" e ademais "permitiría unha autonomía real, única opción para avanzar", e garantir "unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional".
"Como non querer un concerto económico que nos daría 3.500 millóns de euros adicionais cos que blindar os nosos servizos públicos e sociais? ", se preguntou Pontón.
Segundo a voceira nacional do BNG, con este sistema poderíase "aplicar unha fiscalidade xusta na que paguen máis os que máis teñen e, por suposto, tamén defendemos o concerto por orgullo de país, porque confiamos na capacidade de Galiza e non compramos a falsa idea de que vivimos da solidariedade do Estado", salientou.
MÁIS RECURSOS PARA PONTEVEDRA
No caso concreto de Pontevedra, a líder do BNG explicou que unha simple operación aritmética revela que a cidade do Lérez perde con este "reparto discriminatorio" 4,12 millóns de euros.
Unha cidade como Málaga recibe o mesmo financiamento que as seis cidades galegas con maior poboación, "o que exemplifica que os actuais criterios de reparto deixan Galiza moi mal parada", dixo.
Relacionadas:
-
Pontevedra reforza a súa posición no BNG liderado por Ana Pontón
Por Redacción |
-
RADIO.- Ana Pontón, unha nena tranquila e estudiosa que chegou a facer os seus tenteos cantando
Por Marisa Ciordia |
-
O BNG recorrerá ante o Tribunal Constitucional o veto do PP ao traspaso da AP-9
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontón insta a Leiceaga e Villares a frear a "gran coalición á galega" contra o BNG en Pontevedra
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Ana Pontón levará ao Parlamento o modelo de mobilidade da Boa Vila
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |