O xabaril que creu ser David Meca
Por Oskar Viéitez
Ao nadador español de longa distancia en augas abertas, David Meca, xurdiulle un duro rival. Nada menos que un xabaril que foi localizado nadando entre as bateas da ría de Arousa.
Foron uns mariñeiros que o pasado martes traballaban nas bateas máis próximas á canle quen recolleron ao animal que nadaba entre os parques de cultivo.
Tras varios intentos os homes conseguiron subilo a unha das embarcacións coa culler do mexillón.
Non se tratou dun rescate pois o xabaril nadaba con gran destreza e nin sequera daba mostras de fatiga.
A proeza do animal tivo a súa recompensa pois, san e salvo foi liberado nunha praia da zona norte da ría.
Así pois non emularon os mariñeiros aos monxes de Oseira que en Cuaresma, cando estaba prohibido comer carne, tiraban os porcos ao rio e logo botaban as redes para capturalos asegurando que aquilo era "pescado".