Medio século non é nada para a familia Filgueira
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O 7 de marzo de 1963, Ernesto Filgueira Eiras e a súa esposa Herminda Touriño abrían por primeira vez as portas do seu establecemento na Praza de Méndez Núñez. Os primeiros clientes que entraron en La Casa de los Paraguas procedían de Combarro. Peregrina Lozano e o seu esposo Ángel García acórdanse moi ben da compra que realizaron aquela mañá aínda que pasase xa medio século.
- Mercamos unha gabardina para o meu home e unha falda para min, di Peregrina.
700 pesetas pagaron pola gabardina pero "xa nos gustou ou trato, a confianza e os consellos. E todas as pezas eran de boa calidade" apunta Ángel. Dende entón son clientes habituais da tenda que cumpre 50 anos coa familia Filgueira á fronte, despois de asumir o traspaso do comercio orixinal que rexentaba Justo Nieto.
Por manter o nome de La Casa de los Paraguas, o propietario rebaixoulles a metade do prezo do traspaso que ascendía a 100 mil pesetas e estableceulles unha renda mensual de 1.500. "De aquella vendíamos paquetería, mercería, forrábamos botones..." lembra Herminda Touriño.
Incendio en 1977
O momento máis difícil na historia do establecemento chegou un 7 de xullo cando o local se incendiou. "El día de San Fermín de 1977 ardió todo" recorda, con amargura, Ernesto Filgueira "nos quedamos sin local, sin casa y sin mercancía". Coa axuda do seu cuñado, aparellador, foron reconstruíndo o comercio e a pesares das dificultades volveron abrirse paso. "Vendiamos con toldos, nos caía agua por todas partes" indica Herminda. En outubro daquel mesmo ano decidiron mercar o inmoble e ampliar a tenda ás dúas plantas actuais.
Na década dos oitenta, Herminda fai memoria para recoñecer que viviron outro momento duro porque "toda la zona estaba llena de drogadictos". Ernesto engade: "paseábamos en grupos por la calle como patrullas para que ellos se fueran de aquí". Os clientes tiñan medo a pasar polo centro histórico. A solución chegou cando Jorge Parada asumiu o cargo de Gobernador civil e decidiu resolver o problema de inseguridade "puso policías de barrio y limpió toda la zona". Pero o matrimonio recoñece que a situación económica actual é a que máis lles atemoriza porque "antes había crisis, pero ahora es el garrote vil".
Durante todos estes anos, La Casa de los Paraguas contou con cinco empregadas e numerosos clientes fideis. Tanto é así que Peregrina, a primeira clienta, comenta durante a celebración do 50 aniversario da tienda que "teño un ticket para recoller o pantalón que mercamos hai uns días e que deixamos para que lle arranxaran os baixos". Ernesto Filgueira Touriño sorrí e sinala que "agora xa son os fillos destas familias os que tamén veñen aquí a mercar". E é que as tradicións continúan. Filgueira Touriño é, dende hai anos, o encargado de levar as rendas do negocio e conclúe: "espero que dure porque eu quero seguir vivindo disto moitos anos máis".