Crece a preocupación na comarca pola praga da pataca
Por Oskar Viéitez
A Estación do Areeiro está a recibir consultas de diferentes agricultores sobre a ‘couza guatemalteca da pataca’ (Scrobipalpopsis solanivora) da que nestes días se está a falar nos diferentes medios de comunicación.
A día de hoxe trinta e un concellos de Galicia poñerán os seus cultivos de pataca en corentena pola expansión deste insecto orixinario en Latinoamérica e que está a afectar principalmente aos cultivos de Ferrolterra e a Mariña Lucense.
A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que se adoptan "medidas urxentes para a erradicación e control" e que inclúe restricións á hora de comercializar o vexetal fóra das demarcacións mencionadas no texto.
"De momento esta praga non está detectada en ningún concello dá provincia de Pontevedra"
Os técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro aseguran que "de momento esta praga non está detectada en ningún concello dá provincia de Pontevedra".
AVISO FITOSANITARIO
Ademais, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar un aviso fitosanitario no que aconsella tratar canto antes as árbores danadas polo temporal para evitar a entrada de patóxenos. Así mesmo, con motivo das choivas e a elevada humidade existente, advirte da necesidade de actuar sobre todo nos cítricos, froiteiras e o buxo para evitar infeccións.