Galicia será a comunidade "menos restrictiva", segundo Nava Castro, coas vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño
Ningunha outra comunidade ten unha regulación tan "flexible" en materia de vivendas turísticas como Galicia. Así o destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que lembrou que o decreto que entrará en vigor o próximo 10 de maio é o "menos restritivo" de toda España. Calcúlase que afectará a unhas 1.000 vivendas en toda Galicia.
Nun encontro informativo, Nava Castro explicou que o decreto que sairá publicado mañá venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) permitirá "erradicar" a problemática que xeraran os alugueres destas vivendas vacacionais, especialmente tras o auxe dos portais online destinados a ofrecer este tipo de aloxamentos turísticos.
Así, asegurou que o 30% dos viaxeiros internacionais que chegaron a Galicia en 2016 elixiron este tipo de aloxamentos para hospedarse. Ao estar sen regular, explicou a responsable de Turismo de Galicia, producíase unha "competencia desleal" no sector.
O novo decreto define as vivendas de uso turístico como aquelas cedidas a terceiras persoas de forma reiterada, que se cifra en dúas ou máis veces ao ano, e a cambio de contraprestación económica, para unha estancia de curta duración, sempre inferior a trinta días consecutivos.
A cesión deste novo tipo de aloxamento turístico será da totalidade da vivenda, de forma que non se permite a cesión por estancias e a súa comercialización poderá ser realizada polas empresas turísticas, por inmobiliarias ou ben polos seus propietarios.
Para o inicio da actividade, o decreto establece simplemente a obrigatoriedade de presentar unha declaración responsable ante Turismo de Galicia. Tras iso, procederase á súa inscrición no Rexistro de Empresas de Actividades Turísticas de Galicia, pagando unha taxa de 56 euros.
En canto aos requisitos e servizos mínimos, estas vivendas de uso turístico deberán estar suficientemente amobladas e dotadas dos aparellos e enxoval necesario para a súa utilización inmediata, coa fin de prestar un servizo de aloxamento correcto en relación coa totalidade de prazas de que dispoñan, todo en perfecto estado de hixiene.
Deberán contar tamén con calefacción se se alugan en épocas non estivais, cun número de teléfono 24 horas para a atención ao usuario, con follas de reclamación de turismo que poidan ser presentadas ante as autoridades de consumo e cun seguro de responsabilidade civil. Ademais, deberán dar conta ás autoridades do rexistro dos seus inquilinos.
A diferenza doutras comunidades, Galicia non esixe que estas vivendas teñan un mínimo de habitacións, que ofrezan conexión wifi aos seus residentes ou que conten con equipamento específico máis aló do que permita o funcionamento normal da vivenda. En cuestións de habitabilidade ou accesibilidade, respectarase a lexislación vixente na época de construción do inmoble, polo que non será necesaria a realización de obra algunha.
O decreto, segundo explicou o director de Competividade Turística, José Luis Mestre, non obrigará aos propietarios para exhibir unha placa identificativa pero si terán que emitir un recibo ou unha factura por estes alugueres. Á hora de tributar por este servizo, estarán exentos de IVE pero deberán incluílo nas súas declaracións de Facenda vía IRPF.
Ademais, a Xunta facultará aos concellos para que, se así o consideran oportuno, poidan establecer limitacións no número de vivendas dispoñibles por edificio ou por barrio para evitar que haxa unha "saturación" deste tipo de aloxamentos como sucede en Barcelona. Tamén as comunidades de veciños poderán impedir a súa actividade.
En canto ao réxime sancionador, Nava Castro explicou que o decreto non fixa multas "exclusivas", senón que se remite ás que están tipificadas na lei galega de turismo e poderanse impoñer tanto ao propietario como á empresa que a comercialice. Serán sancionables, en todo caso, aquelas vivendas que se aluguen por habitacións.
A directora de Turismo de Galicia defendeu que esta normativa foi "consensuada" con todo o sector turístico e para a súa redacción aceptáronse "numerosas" alegacións de asociacións e colectivos implicados, incluída a Federación Española de Asociacións de Vivendas e Apartamentos Turísticos (Fevitur).
Para difundir este decreto antes da súa entrada en vigor -que será despois de Semana Santa-, a Xunta organizará xornadas informativas en toda Galicia. Así, o vindeiro luns 13 de febreiro celebrarán unha en Sanxenxo, onde esta normativa terá unha "gran incidencia"; e o martes 14 farase o propio en Pontevedra.