Centos de pontevedreses 'abrazan' a sanidade pública
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Foi un acto entrañable e cariñoso, unha aperta á sanidade pública e un apoio a todos os traballadores da sanidade, que todos sabemos que o están a pasar mal polos recortes e pola carga de traballo".O alcalde de Ponteveda, Miguel Anxo Fernández Lores, remataba de particpar nun acto reivindicativo no que centos de pontevedres rodearon, dándose a man, o recinto do Hospital Provincial convocados pola Plataforma SOS Sanidade Pública e amosábase así de orgulloso dos que se uniron á protesta.
O abrazo colectivo no que participou Lores non foi, segundo as súas propias palabras,"nada máis que quentar motores para unha manifestación masiva o día 21". Defíneo conforme ao mesmo criterio marcado por SOS Sanidade Pública.
O colectivo organizou unha serie de actos durante todo o mes de marzo "contra os recortes e a privatización da sanidade pública e polo hospital único de Montecelo". A singular protesta deste xoves foi o primeiro dos 'conclaves' públicos, pero o día grande chegará o 21 de marzo cunha gran manifestación que partirá ás 20.00 horas da praza da Ferrería.
A cadea humana que rodeou o Hospital Provincial contou con algúns manifestantes ataviados con bata branca en solidariedade cos traballadores da sanidade pública, con outros que, a pesar da chuvia, levaron candeas para iluminar a protesta e cun bo número que optou por atar aos enreixados do recinto hospitalario carteis de protesta pola política gobernamental.
Entre os asistentes figuraron, segundo Lores, "moita xente da sanidade, moitos veciños, sindicatos e xente da rúa que está preocupada porque se está desmontando a sanidade, un dos piares básicos do Estado do Benestar". A presenza de todos eles neste "acto simbólico que me sorprendeu gratamente" levou a outro dos colectivos integrados en SOS Sanidade Pública, o sindicato CIG, a falar de "éxito rotundo" a convocatoria.
O secretario comarcal de CIG, Rafael Iglesias, eloxiou a implicación dos centos de pontevedreses presentes "porque o día de hoxe non está como para saír á rúa" e cre que a asistencia de máis persoas das calculadas cando a tarde se presentou chuviosa demostra "a sensibilidade importante dos pontevedreses coa sanidade", xa que "conseguiron dar unha aperta sen esforzo ao Hospital, non estaban estirados, senón máis ben todos ben xuntos".
Agradeceu o éxito da convocatoria, en particular, porque "non estaba pensado como un acto masivo, senón como un máis dos previos á manifestación do día 21, que esperamos que sexa a manifestación máis masiva en Pontevedra en defensa da sanidade".