Os veciños apoian mercar a Casa do Pobo de Corredoira a Patrimonio do Estado
Por Redacción
Os veciños da parroquia de Corredoira, no Concello de Cerdedo-Cotobade, manifestaron ao presidente da xestora, Jorge Cubela, o respaldo unánime para mercar a súa Casa do Pobo, que que actualmente pertence ao Patrimonio do Estado.
Este apoio chegou este venres nunha xuntanza de Cubela cos veciños para explicarlles os pormenores desta operación, así como a intención do goberno local de efectuar unha reforma integral do inmoble no marco do Plan de Centros Veciñais 2019. Informounos de que cando o recinto estea en perfectas condicións, cederase o uso do mesmo á asociación veciñal.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, Cubela realizou unha xestión co Goberno central que permitirá que nas vindeiras semanas a Casa do Pobo pase a ser propiedade do Concello previo pago de 12.000 euros.
Ante o apoio absoluto da parroquia, Cubela indicou que "é moito máis gratificante facer xestións e esforzarse polo benestar dos veciños cando estes che amosan un respaldo tan importante". En resposta ás críticas da voceira socialista, Lina Garrido, explicou que este ben pertence actualmente ao Estado e a compravenda "é a única posibilidade de recuperar o recinto para a parroquia".
Ao respecto, o responsable municipal lamentou o posicionamento da socialista "despois de que non fixera absolutamente nada por recuperar a Casa do Pobo, malia ser desta parroquia, nos seus oito anos de teniente de alcalde no goberno de Cotobade".