Sen interesados na antiga Cámara Agraria: a súa poxa queda deserta
Por Alejandro Espiño
A ninguén lle interesa a antiga Cámara Agraria de Pontevedra. Polo menos polo seu custo actual: 850.350,41 euros. ÿ o prezo de licitación co que saíu a poxa. Aínda que nun principio se especulou con darlle algún uso relacionado coa agricultura, a Xunta de Galicia optou por facer caixa co inmoble, un histórico pazo situado na Praza do Teucro. Pero terá que intentalo de novo ao non presentarse ningún interesado.
En concreto, a consellería de Facenda sacaba a poxa todo o inmoble, composto de semisoto, baixo e un piso duns 496 metros cadrados de superficie. Pero co prezo inicial fixado nesta primeira licitación, 850.350,41 euros, non interesou a ninguén. Tras quedar deserta, farase un novo intento dentro dun mes. Pero aí xa se poderá adquirir a un prezo menor, 722.797,85 euros, que podería chegar a 595.245,29 euros nunha terceira licitación.
Segundo indicaron a PontevedraViva fontes da consellería de Facenda, a nova poxa da Cámara Agraria terá que esperar ese tempo ao ter arrendatarios no seu baixo, o restaurante "La Cámara". De feito, os interesados en adquirila deberán respectar o contrato de aluguer cos seus inquilinos, asinado o 18 de xuño de 2004 e cuxo prazo de duración finaliza o 18 de xuño de 2016.
Este edificio foi a sede da Cámara Agraria de Pontevedra desde 1979, ano no que o inmoble, coñecido como pazo de San Román, foi rehabilitado, ata 2007. Foi entón cando a Xunta decidiu liquidar estes entes provinciales. Tralo seu peche, baralláronse diferentes usos, entre eles, un arquivo provincial sobre o movemento agrario e gandeiro. Pero finalmente optou por sacala a poxa do mesmo xeito que as demais sedes provinciais.
Tampouco houbo ofertas para outros tres lotes que saían á venda nesta poxa. Trátase dun local comercial na avenida Doutor Tourón (Vilagarcía de Arousa), que partía cun prezo de 94.219,62 euros, un terreo de labradío situado na Estrada, cuxa valoración rebaixouse ata os 48.774,60 euros, e un conxunto de mobles de estilo rústicos que partían de 4.085 euros.
Para os que si houbo interesados foi para os dous locais propiedade da Xunta de Galicia no Paseo de Cervantes de Pontevedra, nos baixos da Cámara de Comercio.
Polo primeiro deles, de que ata hai pouco ocupaba un restaurante chinés, puxaron tres persoas. Tras unha longa puxa, que se iniciou con 86.543,01 euros, o seu gañador ofreceu 180.000 euros, case 60.000 euros máis do seu prezo de licitación. E o segundo, unha cafetería con fachada tamén á rúa Pastor Díaz, foi adxudicado ao único interesado por un prezo de 35.548,34 euros.
Relacionadas:
-
Ninguén quere unha casa na praza do Teucro?
Por Redacción |
-
A antiga Cámara Agraria, de novo a poxa dous anos e medio despois do primeiro intento
Por Redacción |
-
O Concello sacará á poxa catro cabalos capturados na parroquia de Salcedo
Por Redacción |
-
A Xunta estuda alugar o edificio da antiga Cámara Agraria
Por Redacción |
-
A Xunta desiste, por agora, de vender a antiga Cámara Agraria ao non aceptar máis rebaixas no seu prezo
Por Alejandro Espiño |