Detidas dúas persoas por vender droga no ámbito da Ferrería
Por Redacción
Un home de 32 anos e unha muller de 47. Son as dúas últimas detencións que realizou a Policía Local de Pontevedra, en relación co tráfico de drogas, no ámbito da Ferrería.
Segundo informa a comisaría local, os axentes non "baixan a garda" na vixilancia desta zona do centro histórico ante a "alarma social" que xeran as persoas que se reúnen ao redor da fonte dos xardíns de Vicenti e que provocan "queixas reiteradas" ante a Policía.
Así, nas últimas semanas, a Policía Local ha detido a estas dúas persoas, tras constatar que estaban a vender droga na zona. De feito, no caso da muller, foi sorprendida mentres entregaba a varios menores un envoltorio de marihuana a cambio de cinco euros.
A ambos se lles imputa un delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
Ademais, a Policía Local tamén detivo a unha terceira persoa por vender droga en espazos públicos. Trátase dun home de 34 anos que foi identificado polos axentes na rúa Bélxica de Monte Porreiro.
Foi este mércores, sobre as dez e media da mañá, cando os axentes observaron como un home entregaba un billete de cinco euros ao detido, quen tras entrar nunha vivenda entregoulle un paquete que o cliente se gardou no calcetín.
Os axentes interceptaron ao comprador e comprobaron que adquirira 1,8 gramos de haxix, polo que a continuación detiveron o home que llos vendeu. Na súa casa, a Policía incautou outros 37,5 gramos desta sustancia estupefaciente.
Relacionadas:
-
Sorprenden ata catro veces a un home vendendo droga na Ferrería
Por Redacción |
-
Detidas 19 persoas que distribuían droga entre a mocidade de Pontevedra no río Gafos
Por Redacción |
-
Deteñen no parking da praza de abastos un home con 2,1 quilos de haxix no seu coche
Por Redacción |
-
Detido un mozo de 20 anos por vender haxix no ámbito da Praza das Regas
Por Redacción |