Que facer se te atopas un proxectil da Guerra Civil
Por Oskar Viéitez
Esta semana os especialistas do servizo de desactivación de artefactos explosivos (Tedax) da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra destruíron un proxectil de artillería da Guerra Civil española.
O artefacto foi localizado a pasada semana no garaxe dunha vivenda situada nunha parroquia do termo municipal de Ponteareas. O protocolo de actuación neste tipo de incidencias activouse cando o propietario do inmoble comunicou o achado no cuartel da Garda Civil da súa localidade.
O Tedax da Garda Civil acudiu o inmoble e procedeu á remoción e posterior neutralización do proxectil, cuxas tarefas se desenvolveron sen incidentes, coas previdas medidas de seguridade e protección.
Segundo o informe elaborado polo equipo Tedax, trátase dun proxectil de uso militar dos utilizados na pasada guerra civil española, de 105 milímetros de calibre e 41 centímetros de lonxitude. Segundo as comprobacións efectuadas, o proxectil tiña no seu interior toda a carga e, aparentemente, estaba en boas condicións de conservación.
Durante o pasado ano o grupo de especialistas en desactivación de explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra resolveron 17 incidencias: 12 delas na provincia de Pontevedra e 5 en Ourense.
Estas actuacións permitiron incautar e destruír preto de 200 artefactos de natureza explosiva ou incendiaria, como material pirotécnico, granadas de man e de morteiro, bengalas e proxectís de artillería de distintos calibres. Este total fórmano, entre outros, 2 proxectís de artillería, 5 granadas de morteiro, 25 bengalas de sinalización marítima e 131 detonadores pirotécnicos.
Calquera tipo de manipulación podería carrexar fatais consecuencias
Neste tipo de incidencias e no caso de atoparse ante un obxecto abandonado que poida resultar sospeitoso de ser artefacto explosivo, incendiario ou pirotécnico, a Garda Civil recomenda á cidadanía seguir as seguintes indicacións: non tocar, non mover, sinalizar e avisar e darlle a consideración de real a calquera obxecto, con aparencia de artefacto explosivo, que resulte estraño á contorna en que se atopa.
Así como non tocar nin mover o obxecto, hai que chamar ao 062 que a Garda Civil ten dispoñible as 24 horas do día, para que os mesmos poidan ser neutralizados e destruídos, de maneira segura, por especialistas na materia.
Se fora posible, hai que permanecer nas proximidades do lugar ata a chegada das forzas e corpos de seguridade. En caso contrario, débese sinalizar a zona ou facilitar as coordenadas a través dalgún programa ou aplicación de localización GPS, moi habituais hoxe en día nalgúns teléfonos móbiles.
Calquera tipo de manipulación podería carrexar fatais consecuencias.
Relacionadas:
-
A desactivadora de explosivos pontevedresa, Begoña Sampedro, premio á constancia profesional
Por Oskar Viéitez |
-
Atopan un proxectil da Guerra Civil nunha vivenda da illa de Ons
Por Redacción |
-
Atopan dúas granadas da Guerra Civil nunha casa da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Un proxectil similar aos usados na Guerra Civil espera na Comandancia a ser destruído
Por Redacción |
-
Arrestadas tres persoas por tenencia e tráfico de armas e explosivos
Por Redacción |
-
Desaloxan un cámping e o acuario do Grove para unha 'explosión controlada'
Por Natalia Puga |