Un cento de colectivos rexeitan a "chantaxe" de ENCE para "comprar vontades"
Por Oskar Viéitez
Representantes de 102 colectivos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e das comarcas do Morrazo e O Salnés concentráronse este sábado no Pazo de Lourizán para mostrar o seu rexeitamento "por coherencia" aos patrocinios e as axudas do plan social da empresa Ence que consideran "esmolas" para lavar a súa "mala conciencia" e "comprar vontades".
Ademais pediron ao resto do movemento asociativo da comarca que non acepten a "chantaxe", que ao seu xuízo, supoñen as axudas económicas que ofrece Ence a persoas físicas e entidades xurídicas por un montante de tres millóns de euros.
Dixeron ser "conscientes das dificultades económicas dos distintos colectivos, porque as padecemos, pero iso non nos pode levar a aceptar a chantaxe de Ence", unha empresa que "contribúe a crear pobreza na comarca".
Neste sentido criticaron o "silencio de estómagos agradecidos" e apelaron ás institucións públicas para "non colaborar" con Ence instándolles a "retirar o seu apoio económico e de calquera tipo a aqueles eventos nos que colabore Ence, e a que fagan pública esta decisión".
Nun manifesto lido fronte ao histórico edificio lamentaron que a empresa pasteira "coa axuda cómplice da Xunta", pretendese facerse co Pazo de Lourizán para instalar alí o seu centro de investigación forestal.
Os impulsores desta campaña, que aseguran representar "a un amplo sector da cidadanía da comarca", sinalaron que esta maneira de actuar "non é unha política nova para Ence, que pensa que pode subornar a todo o mundo".
Entre os 102 colectivos que subscribiron este manifesto atópanse a Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR), a Cooperativa Mexilloeira de Bueu 'Socomebu', mariscadores de Aldán, as comunidades de montes de Salcedo e Lourizán, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Adega, a Irmandade Illa de Tambo, Amigos e amigas do Museo de Pontevedra, Ateneo de Pontevedra, Aula Castelao de Filosofía, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao, Salvemos a Fracha, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Defende o Monte Pituco, a Fundación Alexandre Bóveda ou a Fundación Cuña-Casasbellas, entre outros moitos.
Relacionadas:
-
Ence comunica aos solicitantes o reparto das súas axudas
Por Oskar Viéitez |
-
As 342 solicitudes presentadas superan o fondo do plan de axudas previsto por ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Os 342 proxectos que optan ás axudas de Ence avalan, segundo o PP, a súa postura sobre a pasteira
Por Redacción |
-
Ence recibe 342 solicitudes para as súas axudas sociais
Por Oskar Viéitez |
-
O 20 de marzo ENCE pecha o prazo para pedir axudas sociais
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera desvela que a Deputación ofreceu á Xunta rehabilitar conxuntamente o Pazo de Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
Cheo na Casa das Campás para coñecer as axudas sociais de Ence
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Moreira: Pontevedra "va en desventaja" nas axudas de ENCE pola "ideología rancia" do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Castelao non acudirá á xuntanza convocada para coñecer as axudas de ENCE
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para pedir subvencións a ENCE
Por Oskar Viéitez |