Pontevedra estrea un novo local de doazón de sangue situado na Praza do Hospital
Por Redacción
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) porá este martes 21 de febreiro en funcionamento o novo punto fixo de doazón de sangue para a cidade de Pontevedra. O local de atención permanente ao doador de sangue sitúase na Praza do Hospital Provincial, xusto ao carón do novo aparcamento, unha localización céntrica e de doado acceso para os cidadáns que mellora o servizo que se presta aos veciños de Pontevedra.
O novo local de ADOS no Hospital Provincial de Pontevedra conta cunha superficie de preto de 75 metros cadrados, incrementando nun 50% o espazo con respecto ao anterior, e dispón de tres postos de doazón que permitirán doar polo xeito convencional e polo sistema de aférese.
Este novo local, situado nun módulo ubicado ao carón do aparcamento do centro hospitalario, conta cun axeitado sistema de illamento e está dotado de calefacción e aire acondicionado, para garantir o máximo confort e comodidade tanto para os doadores, como para os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor neste punto.
Ademais, para facilitar o acceso de todos os cidadáns que se acheguen cos seus vehículos para efectuar unha doazón de sangue, o local de doazón de ADOS en Pontevedra dispón dun total de 6 prazas reservadas para os seus doadores.
ELEVADA PARTICIPACIÓN
Durante o ano 2015, realizáronse 3.836 doazóns de sangue, que situaron a este municipio como o terceiro de maior índice de participación entre as sete grandes cidades galegas.
Así mesmo, ADOS anuncia que durante a xornada do luns 20 de febreiro, o punto fixo de Pontevedra atoparase pechado por mor do traslado ás novas instalacións. ADOS pide desculpas pola molestias que este peche momentáneo poda ocasionar e quere convidar a todos os pontevedreses a achegarse ao novo punto fixo de doazón que estará aberto os luns e venres das 08:00 ás 15:00 e os martes, mércores e xoves das 15:00 as 22:00 horas.
A partir do 1 de maio e ata o 30 de setembro, o punto fixo de ADOS en Pontevedra terá un horario de 08:00 ás 15:00 horas.
Relacionadas:
-
ADOS emitirá xustificantes ás persoas que acudan a doar sangue para evitar que sexan sancionados
Por Diego Espiño |
-
A nova vida do Provincial despois do Gran Montecelo: rehabilitación con derruba de partes engadidas nos 70
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PP celebra o anuncio da creación dunha residencia pública no Hospital Provincial
Por Redacción |
-
O obsoleto punto fixo de doazón de Pontevedra xa é historia
Por Antía Fernández Buján & Mónica Patxot |
-
Jorge Canda dá exemplo para promover a doazón de sangue
Por Redacción |
-
A reforma integral da contorna do Hospital Provincial incluirá unha estatua en homenaxe aos doantes
Por Natalia Puga |
-
O Sergas reordenará os espazos de aparcamento no Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |