Bará cualifica de "trilerismo político" a actitude de Patrimonio con Valentín García Escudero
Por Alejandro Espiño
O visto bo de Patrimonio ao cubrimento dos restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero abriu un novo foco de conflito entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia. E todo iso pola "falta de respecto institucional", segundo o concelleiro de Obras, Luís Bará, do goberno autonómico ao non comunicar esta decisión ao Concello e facelo en cambio ao portavoz da oposición.
"A esta hora aínda non nos constan que comunicasen a resolución de Patrimonio", explicou Luís Bará a última hora do venres. Unha actitude, afirma, "que retrata, descobre e descualifica a quen as fai". En todo caso, di o edil nacionalista que "non nos sorprenden este tipo de manobras, porque por desgraza son habituais", porque recorda que pasou o mesmo co ARI do Centro Histórico ou con visitas a obras "que non se comunican".
Neste sentido, Bará asegurou que esta conduta "é un estilo propio do Partido Popular", e que reflicten, na súa opinión "aparte do descoñecemento das normas máis elementais de protocolo e respecto institucional, unha certa desesperación para poder aproveitar este tipo de trilerías políticas". Por iso é polo que declarase que "alá cada un cos seus actos, xa xulgará a cidadanía".
Tras criticar a forma na que a Xunta comunicou públicamente esta decisión, Luís Bará destacou que o importante "é que despois de tanto tempo de espera por fin contamos con esa aprobación" e que polo tanto, "están postas as bases para iniciar as obras canto antes e seguir adiante coas propostas que tiñamos para toda a zona".
Recordou que o proxecto remitido a Patrimonio suporá cubrir aproximadamente o 40 por cento da escavación actual, principalmente as zonas máis próximas á Praza do Peirao e á rúa Sierra. Trátase dunha actuación que ten un custo duns 76.000 euros, que se reparten entre os traballos de conservación do conxunto, o cubrimento dos restos e o tratamento axardinado en superficie.
Nunha fase posterior cubrirase os demais restos arqueolóxicos. Son os que teñen un maior valor e que corresponden á ponte descuberta na zona e ás ruínas do porto medieval. Nesta segunda fase tamén deberá emitir un informe o organismo de protección do Camiño de Santiago ao estar afectado parte do camiño portugués.
Relacionadas:
-
Comezan a cubrir os restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP pide ao Goberno local que "se dejen de charlatanería y se pongan a trabajar"
Por Natalia Puga |
-
Patrimonio evita ao Concello e comunica a Moreira o permiso para cubrir García Escudero
Por Oskar Viéitez |
-
Valentín García Escudero, á espera do visto bo de Patrimonio
Por Alejandro Espiño |