Unha residencia de maiores para 120 persoas, novo uso para o Hospital Provincial

Por Alejandro Espiño
O Hospital Provincial acollerá unha residencia para maiores en situación de dependencia con capacidade para 120 persoas. Así o anunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión semanal do goberno galego. Nela, investiranse 6.443.000 euros e prevense crear 75 postos de traballo.
Esta nova residencia en Pontevedra formará parte do plan Como na casa, deseñado pola Consellería de Política Social para crear 900 novas prazas para maiores nas sete grandes cidades de Galicia.
O obxectivo desta iniciativa é garantir a asistencia aos dependentes, aumentando a oferta asistencial pública naqueles lugares onde se concentra a demanda de prazas, que son as grandes cidades e as súas áreas de influencia.
A Xunta busca facilitar que os maiores permanezan preto dos seus fogares e dos seus, así como a conciliación da vida laboral e persoal daquelas familias que teñen dependentes ao seu coidado.
A totalidade das residencias dividiranse nas mesmas zonas ou áreas, sendo a residencial a máis ampla ao incluír as estancias destinadas ao aloxamento, comedor, salón de peiteado, cuarto de enfermaría, sala de estar e paseos.
A maioría das persoas residentes disporán de habitacións individuais con baño. Así mesmo, como novidade, todos os centros terán unidades xeriátricas e psicoxeriátricas diferenciadas; é dicir, contarán con zonas específicas para aloxar, coidar e traballar con residentes que padezan deterioracións ou trastornos cognitivos severos.
O resto das áreas das novas residencias destinaranse a zona social, con espazos para favorecer a convivencia, desenvolver actividades e recibir visitas; a área de atención especializada, que acollerá a consulta médica, as salas de rehabilitación e podoloxía, a farmacia e unha unidade de enfermaría, e completaranse con zonas de administración e servizos, entre eles, lavandaría e cociña.
A construción e entrada en servizo destes equipamentos permitirá, segundo a Xunta, reducir considerablemente a lista de agarda para entrar en centros residenciais, cuantificada en 1.414 persoas, das cales 1.212 residen nas cidades e nas súas áreas de influencia.
En concreto, calcúlase que as novas residencias proxectadas permitirán cubrir preto do 95% da demanda de prazas que existe na actualidade nos sete grandes concellos de Galicia.
Relacionadas:
-
O pleno non pecha a porta a que o Provincial acolla unha residencia de maiores
Por Alejandro Espiño |
-
En Marea rexeita que o Hospital Provincial se destine a residencia de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
A nova vida do Provincial despois do Gran Montecelo: rehabilitación con derruba de partes engadidas nos 70
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PP celebra o anuncio da creación dunha residencia pública no Hospital Provincial
Por Redacción |
-
José Ramón Gómez asume o "ilusionante reto" de dirixir o CHOP apelando ao "diálogo" co personal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O obsoleto punto fixo de doazón de Pontevedra xa é historia
Por Antía Fernández Buján & Mónica Patxot |
-
Os traballos de construción do Gran Montecelo comezarán no ano 2019
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A reforma integral da contorna do Hospital Provincial incluirá unha estatua en homenaxe aos doantes
Por Natalia Puga |