A inestabilidade do tempo marcará a primeira fin de semana de Entroido
O Entroido comeza a súa andaina na cidade de Pontevedra acompañado por temperaturas agradables e un ceo que alternará nubes e claros durante todo o día do sábado. Segundo o servizo de MeteoGalicia, a partir do domingo o bo tempo tomarase un descanso e as choivas débiles marcarán o resto do fin da semana.
SÁBADO 25
Os asistentes ao desfile de Entroido gozarán dunha tarde na que o ceo se debaterá entre nubes e claros e o uso do paraugas pode que sexa necesario segundo vaia caendo a noite. As temperaturas manteranse agradables, na mesma liña que esta semana, con mínimas estables e máximas en lixeiro descenso.
DOMINGO 26
A probabilidade de choiva estenderase tamén ao domingo pero esta vez durante todo o día, polo que as perrucas, capas e chapeus estrafalarios atoparán nesta previsión a escusa perfecta para saír á rúa. As temperaturas baixas, pero estables, oscilarán entre a mínima de 10 graos e a máxima de 15 graos así que coidado aqueles que sigan a máxima de "para presumir hai que sufrir".
O domingo virá acompañado por unha fronte fría que deixará unha semana marcada pola choiva e o descenso das temperaturas. Os ventos de compoñente oeste, o aire frío que traerá e as precipitacións serán unha constante polo menos ata o venres.