Estudarán fórmulas para compensar o aparcamento que perderá Luis Rocafort
Por Redacción
A reforma de Luís Rocafort parece non contentar a todo o mundo. Así o recoñece o Concello de Sanxenxo, ante as queixas que manifestaron comerciantes e empresarios. O motivo: a eliminación de prazas de aparcadoiro.
Mentres que os residentes defenden a reforma, os comerciantes mostraron a súa preocupación pola perda destes espazos, ao entender que é unha medida prexudicial para os seus negocios.
Ante esta situación, o goberno municipal comprometeuse a estudar fórmulas que garantan a rotación das prazas de estacionamento que queden habilitadas nesta rúa, así como a buscar aparcadoiros disuasorios que traten de aliviar o problema actual.
Así se trasladou aos afectados na reunión que se celebrou este venres no salón de plenos do Concello, onde recibiron as explicacións do proxecto por parte do alcalde, Gonzalo Pita, do técnico de Mobilidade da Deputación, Jesús Fole; e do enxeñeiro de Canales, Puentes y Caminos, Jaime Ruibal, empresa que executará a obra.
Trátase dunha actuación de mellora integral que comezará a executarse a próxima semana e que ten como obxectivo claro a priorización dos peóns.
Para iso, o proxecto contempla beirarrúas de seis metros de ancho en cada marxe en case todo o trazado, dúas liñas de estacionamento, zonas específicas para persoas con mobilidade reducida, bicicletas e motos e unha plataforma central con 3,20 metros por carril.
Colocaranse 16 pasos sobreelevados e un cruzamento iluminado en cada confluencia con rúas adxacentes e instalaranse 64 luminarias, para que xeren unhas condicións óptimas de iluminación. A actuación na rúa contempla tamén a instalación de 16 bancos e 52 árbores, un cada 20 metros.
As obras comezarán a próxima semana e que se prolongarán, durante a primeira fase, ata mediados do mes de xuño, período o que quedará habilitado un só carril de circulación. Durante os dous meses de verán a estrada estará aberta e con dobre sentido, para volver cortarse nunha única dirección a partir do 10 de setembro.
Relacionadas:
-
O goberno local de Sanxenxo reúnese cos veciños de Luis Rocafort e carga contra o PP
Por Redacción |
-
O PP de Sanxenxo súmase á demanda veciñal de máis prazas de aparcadoiro en Luís Rocafort
Por |
-
Os veciños de Luis Rocafort: "Beirarrúas si, estacionamento tamén"
Por Antía Fernández Buján |
-
A Policía Local de Sanxenxo inicia un plan de tráfico en Luis Rocafort ata o 15 de xuño
Por Redacción |
-
Luis Rocafort manterá en verán os seus dous carrís e terá dobre sentido
Por Redacción |
-
Telmo Martín recomenda ao tripartito de Sanxenxo "que fagan exame de conciencia e se poñan a traballar"
Por Oskar Viéitez |
-
As obras de Luís Rocafort comezarán o 1 de marzo e interromperanse no verán
Por Oskar Viéitez |