Quince anos despois da súa desafección instan o Concello de Poio a que pida a transferencia de Tambo
Por Redacción
Silvia Díaz proporá ao pleno municipal iniciar o traspaso da titularidade da illa de Tambo ao Concello de Poio e dar pasos para decidir a figura de protección, plan de usos e xestión do territorio insular máis importante do fondo da Ría de Pontevedra.
A moción rexistrada pola concelleira non adscrita fai un reconto das ocasións nas que se ten aberto o debate sobre a propiedade de Tambo, que na actualidade forma parte do Patrimonio do Estado, en concreto ao Ministerio de Defensa, malia que foi declarada de non interese estratéxico e desafectada para usos militares no ano 2002.
A moción lembra que en xuño de 2014, o pleno da corporación aprobou por unanimidade unha proposta consensuada dos grupos municipais pola que o Concello se interesaría ante o Goberno do Estado e a Xunta para unha posible cesión ou concesión deste territorio ao Concello de Poio. O acordo tamén incluía solicitar un informe á Consellaría do Mar sobre as repercusións na pesca e o marisqueo no entorno da illa de Tambo das diferentes figuras de protección.
Transcorridos case tres anos dende este acordo unánime, a situación da illa de Tambo segue na indefinición, sen que ningunha administración adopte unha decisión en firme sobre o traspaso da titularidade, xestión, plan de usos ou figura de protección da illa.
A concelleira Silvia Díaz cre, "sen dúbida", por pertencer ao seu termo municipal, que "é o Concello de Poio o que debera liderar as propostas de valorización integral da Illa de Tambo, na defensa do ben común e do noso patrimonio natural e cultural".
Silvia Díaz estima que son numerosas as reclamacións que se veñen producindo para o seu paso a uso civil e a posta en valor (como a que teñen impulsado diversas asociacións e colectivos), "pero cuestións fundamentais como a titularidade e a figura de protección continúan na actualidade paralizadas, mentres que a illa e o seu patrimonio natural e arquitectónico se atopan a día de hoxe en situación de total descoido e abandono".
Para dar continuidade ao acordo aprobado por unanimidade na sesión plenaria de xuño de 2014, e dado que a toma de decisión sobre Tambo acumula quince anos de demora dende a súa desafección, Silvia Díaz propón ao pleno da corporación solicitar a transferencia da titularidade da illa de Tambo ao Concello de Poio.
Ademais, anima á corporación a solicitar da Consellería de Medio Ambiente a declaración de Espazo Natural de Interese Local da illa de Tambo, que pola súa singularidade é merecedora de medidas de protección dos seus valores naturais.
E finalmente quere consensuar, entre os grupos políticos coa participación dos colectivos socio-económicos do municipio, un plan de usos para o desenvolvemento sostible da illa de Tambo, valorando a xestión mancomunada cos concellos de Pontevedra e Marín, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Podería acabar a illa de Tambo no Parque Nacional das Illas Atlánticas?
Por Redacción |
-
Mariñeiros, moito ollo! Hai unha nova baliza na Ría
Por Redacción |
-
Primeiro encargo para a ministra Cospedal: resolver a situación da Illa de Tambo
Por Redacción |
-
Alertan da proliferación de visón americano na Illa de Tambo
Por Redacción |
-
Día de celebración na Illa de Tambo
Por Diego Torrado |