O BNG reclámalle á Xunta as melloras pendentes do Camiño Portugués
O BNG, a través do parlamentario pontevedrés Luis Bará, presentou ante o Parlamento galego unha proposta para instar á Xunta a mellorar os puntos negros do Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra. En 2014, o executivo galego comprometeuse a incrementar a seguridade dos tramos considerados perigosos para o peregrino pero dende entón, denuncia Bará, "nada máis se soubo".
Entre outras solucións, dende o BNG piden a mellora da promoción, das infraestruturas e servizos, da sinalización e sobre todo das condicións de seguridade viaria e de accesibilidade do traxecto. Luis Bará fai especial fincapé no estado do camiño en zonas urbanas e propón que se estude o desenvolvemento dun plan de mobilidade ciclista para fomentar a realización do Camiño en bicicleta.
Un total de 11 puntos negros no tramo pontevedrés foron presentados ante o Parlamento, dous deles na cidade do Lérez. Trátase do seu paso por San Caetano-Alba pola estrada PO-225, onde a densidade do tráfico, a ausencia de beirarrúa e o paso por unha ponte sen protección poñen en perigo a aqueles peregrinos que elixan este traxecto da ruta, principal alternativa ao tradicional Camiño Inglés.
O outro tramo conflitivo sitúase na entrada de Pontevedra pola estrada de O Marco-Tomeza-Figueirido, que naceu como resposta á súa ocupación pola liña de alta velocidade que discorre en paralelo á senda do Gafos. A intersección da N-550 en Caldas e o percorrido entre Curro e San Amaro no Concello de Barro son outros dos puntos a estudar en el entorno de Pontevedra.
Por iso, o BNG presentará un plan de acción que, liderado pola Xunta e as demais administracións implicadas, mellore, entre outras cuestións, as condicións de seguridade dunha opción que foi elixida por 52.000 persoas durante o ano pasado.