Ante o frío do inverno, caldo galego
Un ano máis, a Festa do Caldo de Mourente ofrecerá aos seus asistentes unha boa degustacion dun dos produtos máis autóctonos. A festa gastronómica, que xa leva 26 anos celebrándose, presentaba a mañá do 28 de febreiro o seu programa, ademais das personalidades que serán nomeadas confrades da Orde do Caldo Galego de Mourente. Tamén se anunciaba o nome do pregoeiro, o presentador Pepe Capelán.
A festa, que terá lugar entre os días 11 e 12 de marzo dará o pistoletazo de saída o sábado coa imposición de capas e medallas aos novos cabaleiros e damas e terminará o domingo 12 cunha degustación do caldo de Mourente, en cuxa elaboración participan máis de 40 veciños.
A Orde do Caldo de Mourente creábase en 2006 e dende entón entón nomearon 100 confrades, como a escritora Fina Casalderey ou o Alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. Este ano serán condecorados, entre outros, José María Núñez Torrente, Director da Escola Naval de Marín e a Concelleira de Turismo do Concello de Pontevedra Anabel Gulías.
Tras a lectura do pregón e a homenaxe a un veciño da parroquia, os comensais poderán ir quentarse os ósos cun bo caldo galego. Os prezos sitúanse entre os 2 euros que custa unha cunca de barro e os 5 euros da cazola. Ambos os recipientes estarán serigrafiados e poderán levar de recordo. Para amenizar a celebración haberá actuacións musicais a cargo das orquestras Solara e Tokio o sábado 11 e do Trío Sabor Latino o domingo 12.