79 vítimas de violencia de xénero están baixo vixilancia policial en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Un total de 79 mulleres, vítimas da violencia machista, están actualmente baixo vixilancia policial en Pontevedra. É un dos datos que se analizaron na xuntanza da mesa municipal da violencia de xénero, un foro técnico que reúne a diferentes organismos que teñen un papel activo na loita contra esta lacra social.
A Policía Nacional ten controladas a 37 vítimas, mentres que a vixilancia doutras 23 recae na Policía Local e 19 pola Policía Autonómica, corpo que estreou a súa propia unidade de violencia de xénero a principios deste ano. De todas elas, dez están catalogadas como de risco alto, o máximo nivel de protección.
Todas elas poderán usar o mapa que deseñará a Mesa da Violencia de Xénero e que recollerá o percorrido a seguir por unha vítima de violencia machista. Marcará o camiño "claro" a seguir, analizando "polo miúdo" todos os recursos dispoñibles en Pontevedra para atender a estas mulleres e que saiban "onde teñen que acudir" para resolver calquera problema que teñan.
Así, este mapa-guía, que se presentará co gallo do 25 de novembro, reflectirá dunha maneira documentada o percorrido que terá que seguir unha vítima da violencia machista a partir do momento de presentar unha denuncia.
Ademais, na xuntanza fíxose un amplo repaso das dificultades que enfrontan os distintos servizos vencellados a atención das vítimas da violencia de xénero.
Entre outras cuestións, acordouse reclamar ao Goberno que modifique unha serie de trabas administrativas en materia educativa, ao ter que estar de acordo o agresor para poder mudar a un fillo de colexio; ou nas axudas, ao non ser compatible a renda activa de inserción co "salario da liberdade" que aprobou o goberno galego.
Os avogados, pola súa banda, pediron máis formación en violencia de xénero; e analizáronse os datos de agresións que atende o Sergas, tanto nos hospitais como nos centros de atención primaria; e de mulleres e nenos atendidos na casa de acollida de Vigo en 2016, 110 mulleres e 50 menores, datos moi similares aos do ano anterior.
Fouces tamén informou que o Concello disporá dunha partida orzamentaria significativa dos fondos DUSI para facer unha diagnose "ampla e rigorosa" sobre a situación da violencia machista en Pontevedra e comparativamente coa nosa contorna e do nivel de igualdade da sociedade, para definir propostas de actuación.
Na Mesa da Violencia de Xénero participaron, ademais da concelleira Carmen Fouces, representantes do CIM, do Punto de Encontro, da Consellería de Educación, da Unidade de Violencia de Xénero da Xunta, do servizo público de emprego, do Sergas, das policía Local, Nacional e Autonómica, da casa de acollida de Vigo e do Colexio de Avogados.
Todos fixeron un chamamento a xuíces e fiscais para que se sumen a esta mesa, porque a súa participación, segundo destacou Fouces, é importante. "Nos interesa moito a voz da xustiza, pero sobre todo que escoiten o punto de vista das vítimas e das persoas que as atenden directamente", concluíu.
Relacionadas:
-
As mesas contra a violencia de xénero de 26 concellos intercambian boas prácticas
Por Redacción |
-
Detido por ameazar a súa muller cun 'accidente' escaleiras abaixo
Por Natalia Puga |
-
Igualdade, inclusión e denuncia social fronte á Deputación no Día da Muller
Por Antía Fernández Buján |
-
Un só axente da Policía Nacional ocúpase en Pontevedra de 37 vítimas de violencia machista
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra alza a súa voz contra o "masacre" de mulleres asasinadas pola violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
A Policía Local prestou protección a máis de medio milleiro de mulleres na cidade
Por Oskar Viéitez |