Pontevedra aforrará 950.000 euros no 2013 ao pagar menos do que reclama Sogama
Por Alejandro Espiño
950.000 euros. ÿ o diñeiro que se aforrará o Concello de Pontevedra en 2013 pola diferenza de criterios que mantén con Sogama á hora de cifrar a taxa que se abona pola recollida dos seus residuos. A Xunta de Goberno aprobou este luns a contía que, por cada unha das toneladas, pagará o executivo local. E a diferenza, como vén sendo habitual, é próxima aos 30 euros por tonelada.
O Concello pagará, tras constatar a subida do prezo da enerxía (unha cláusula que recolle o contrato asinado en 1999 entre ambas partes), 31,5 euros por cada tonelada de lixo que entrega a Sogama, mentres que o organismo dependente da Xunta reclama 61,5 euros. E é que dada a recente sentenza favorable do TSXG, di Raimundo González que a baremación do goberno local "evidentemente está máis que avalada".
Ademais, a Xunta de Goberno municipal aprobou a convocatoria de subvencións para actividades organizadas polas ANPAS de Pontevedra, para a que se destinan 24.670 euros, a adxudicación á empresa EC Casas do contrato de mantemento e reparación do centro histórico por valor de 121.000 euros e deu o último paso necesario para iniciar a licitación do desdoblamiento da Avenida de Vigo, ao dar o visto bo ao seu proxecto de urbanización.
Para rematar, Raimundo González lamentou que Patrimonio non comunicase ao Concello de Pontevedra a súa autorización para cubrir os restos arqueológicos de Valentín García Escudero ata esta mañá. Criticou que o transmitira a través de Jacobo Moreira, portavoz do PP, ao que cualificou de "mozo dous recados" da Xunta de Galicia. Trátase, dixo, dun "desprezo absoluto" á administración local "por parte do Partido Popular".
Relacionadas:
-
Sogama vence a Pontevedra nos tribunais e recibirá case 4 millóns de euros en atrasos
Por Alejandro Espiño |
-
Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Varapau xudicial a Sogama: o Concello non terá que pagar as facturas pendentes
Por Alejandro Espiño |