Piden aos veciños a cesión de terreos para mellorar o trazado da curva perigosa de Barbeira de Arriba
Por Redacción
A contrarreloxo está a tentar conseguir Jorge Canda, alcalde da Lama, que os propietarios das leiras próximas á curva de Barbeira de Arriba cedan terreos para que se acometa a mellora do trazado e do pontillón que se atopa nesa zona.
Eses terreos teñen que ser cedidos á Deputación, que será a encargada de acometer os traballos de mellora do trazado neste viario que une A Escuadra coa localidade de Caroi, no municipio de Cerdedo-Cotobade.
A curva de Barbeita de Arriba rexistrou numerosos episodios de perigo, con camións que quedan atrancados e danos que empeoraron con motivo das últimas tormentas ata o punto de ameazar a estabilidade da zona. A estrada da Escuadra-Caroi relaciona diferentes núcleos de poboación da zona e é utilizado por numerosos vehículos e tamén por peóns.
A estrada, segundo indican desde o goberno local, foi o escenario de varios incidentes causados por camións de gran tonelaxe. Aínda que se atopa un sinal que limita o paso, os condutores acceden a este espazo e quedan atrapados nesta curva.
O alcalde da Lama, Jorge Canda e o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela visitaban recentemente esta estrada que depende da Deputación.