As festas de Campolongo queren recuperar tempos pasados para facer barrio
Por Redacción
As festas de Campolongo aspiran a recuperar o seu esplendor. Un grupo de amigos decidiu poñerse a traballar para recuperar os tempos pasados nos que as festas do barrio tiñan unha asistencia multitudinaria, pois nos últimos anos ese carácter festivo perdeuse. Como primeira medida, decidiron promover un evento lúdico que "axude a tecer barrio".
Os promotores explicaron que a idea é que este evento lúdico coincidirá coa celebración do Día de San José, a fin de semana do 18 e o 19 de marzo, e será a primeira dun conxunto de accións encamiñadas á dinamización do barrio e o fomento de redes de proximidade entre os veciños.
Ata o momento non deron detalles específicos da festa, pero si avanzan que será "innovadora, integradora, plural e respectuosa" coa veciñanza. Para logralo, o evento desenvolverase durante o día e incluirá actividades musicais, pero tan só ata as 23.59 horas.
A festa terá como eixo central unha carpa que se instalará ante a igrexa de San José e incluirá o primeiro encontro de Foodtrucks de Pontevedra, música en directo, chocolatada popular, actividades infantís, clases, exhibicións e iniciativas de pintura e rehabilitación do mobiliario urbano.
As actividades están pensadas para todas as idades, desde inchables a un futbolín humano, xogos tradicionais ou un torneo de fútbol sala para os nenos a un torneo de petanca para os maiores.