Os veciños de Juan Bautista Andrade denuncian o abandono desa zona da cidade
Os veciños da travesía Juan Bautista Andrade denuncian un abandono por parte do goberno local desta contorna onde se atopa un espazo sen saída que é causa de queixas no barrio.
A principal preocupación dos veciños é a falta de aparcadoiros, porque nesa mesma rúa está situada unha sucursal de Abanca á que acoden numerosos clientes que utilizan a travesía como aparcadoiro temporal, interrompendo o acceso ás vivendas dos propios veciños que posúen unha licenza de vado. Sinalan que non existe un control por parte da Policía Local.
Outros veciños protestan tamén pola falta de conservación do asfalto, que se presenta con numerosas irregularidades e fochancas. Unha veciña da zona afirma que a solución que ofrece o Concello é parchear as fochas con "area", o que supón unha medida insignificante para os afectados.
Tamén hai numerosas queixas relacionadas co estado das beirarrúas e a falta de iluminación. En toda a rúa só hai unha farola que segundo os propios veciños da zona se avaría continuamente obrigándoos a camiñar ás escuras. Outra cousa a ter en conta, é que tampouco hai ningún colector de lixo. Os propios residentes corroboran que os servizos de limpeza son inexistentes e mesmo afirman que é unha veciña a encargada da conservación hixiénica das beirarrúas.
Un problema habitual para os habitantes desta zona é a filtración de auga nos garaxes en época de choiva, por culpa do colapso na rede de sumidoiros, o que provoca tamén malos cheiros. Unha veciña residente do edificio número 50 declaraba que tiveron que adquirir unha bomba de auga, do seu propio peto, para poder retirar o líquido que se filtra nos aparcadoiros. Tamén explicou que en Juan Bautista Andrade hai outro inmoble co mesmo número de vivenda, o que provoca complicacións á hora de recibir a correspondencia por correo postal.
Outro aspecto que incomoda os veciños é o mal cheiro provocado por un galiñeiro que linda coa rúa. Ademais, ao final do vial sen saída atópase unha leira utilizada para pasear os cans, segundo explican os veciños. E denuncian que, ante a falta de vixilancia, algúns cidadáns están a empregalo como vertedoiro particular, arroxando calquera tipo de refugallos, que causan malos cheiros.