A xuízo por dar unha puñada a un xogador rival nun partido entre o Figueirido e o San Martín de Vilaxoán
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a próxima semana a un xogador de fútbol acusado dun delito de lesións por dar unha puñada na cara a un rival durante un partido en Vilagarcía de Arousa. A Fiscalía solicita que sexa condenado a catro anos de prisión.
Os feitos que se xulgarán o vindeiro martes 14 de marzo na Seccion Segunda da Audiencia ocorreron sobre as 18.15 horas do 1 de marzo de 2015 no campo de fútbol de Vilaxoán, en Vilagarcía, durante un partido entre o Figuerido C.F. e o San Martín C.F.
O acusado neste xuízo é o xogador do San Martín, I.D.S. Segundo o fiscal, durante o partido, e como consecuencia dun encontrón entre varios xogadores nunha disputa por un balón, un xogador do Figueirido dirixiuse a el e díxolle "a ti había que rebentarte", ao que respondeu: "a ver quen rebenta primeiro".
Instantes despois, o acusado aproveitou que o balón se atopaba na área contraria e o árbitro de costas a ambos os xogadores para virarse cara a el e darlle unha forte puñada na cara tirándoo ao chan. Segundo o fiscal, actuou "co ánimo de atentar contra a integridade física" do outro xogador.
Como resultado da agresión, o xogador do Figueirido sufriu facturas en dous dentes e quedoulle como secuela a perda dunha das pezas, de modo que o fiscal pide que o acusado cumpra catro anos de prisión e indemnice á súa vítima con 50 euros por cada día de curación, asuma os seus gastos médicos e farmacéuticos e páguelle a substitución do dente afectado.