Beatriz Castro, elixida por aclamación nova presidenta do PP do Grove
Por Redacción
A empresaria Beatriz Castro converteuse este sábado na nova presidenta local do Partido Popular do Grove e, previsiblemente, a persoa que tratará de recuperar a alcaldía do municipio para o partido conservador nas eleccións municipais de 2019.
Foi elixida por aclamación dos seus compañeiros, despois de que a súa fora a única candidatura presentada ao congreso local do PP, en cuxa clausura participaron o presidente provincial do partido en Pontevedra, Alfonso Rueda; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; ou a presidenta do Congreso, Ana Pastor, entre outros
Preto de 600 afiliados estaban convidados a participar neste congreso, que se celebrou na Casa da Cultura Lueiro Rey.
Castro, presidenta dos hostaleiros mecos desde 2013, substitúe no cargo ao exalcalde Miguel Pérez. O equipo que lle acompañará á fronte do PP do Grove supoñerá unha notable renovación dentro do partido, pero tamén contará con militantes e concelleiros veteranos.
No seu discurso, a nova presidenta do PP local asegurou que o Concello do Grove é un "barco á deriva" que navega actualmente "sen rumbo e sen capitán" e que segue a flote, destacou, pola "enorme valía" dos seus veciños. Así, entende que se están desaproveitando "grandes oportunidades" para crecer e "é o momento de endereitar o rumbo".
Ademais, fixo un chamamento á unidade do partido porque aí reside, dixo, o seu "poder" e mostrouse confiada de que este congreso local servirá como un "renacemento" do PP do Grove, coa vista posta nas próximas eleccións municipais.
Neste sentido, Alfonso Rueda celebrou que o PP saia renovado deste congreso. "Hai por diante moitas dificultades, pero hoxe empeza o reto no Grove", dixo. Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo pediu á nova dirección do partido na vila meca "espírito de traballo, enerxía e experiencia".