O Concello de Pontevedra bota man do peto para poder afrontar novos investimentos na cidade
Por Alejandro Espiño
Apenas 24 horas logo de presentar os datos de liquidación do orzamento de 2012 que deixan un remanente líquido de tesourería superior aos 13 millóns de euros, o Concello de Pontevedra botará man deste peto municipal. Será, principalmente, para poder afrontar novos investimentos na cidade, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González. En total, gastaranse 3,6 millóns de euros.
ÿ a cantidade que, vía modificación de crédito, prevese aprobar no pleno municipal da próxima semana. Un 90 por cento desta cantidade destinarase, dixo o edil nacionalista, para diferentes investimentos en execución que non tiñan partida consignada nos orzamentos, e o 10 por cento restante a sufragar gastos correntes e de financiamento.
En concreto, a maior parte destes 3,6 millóns de euros destinaranse a financiar a rede de sumidoiros nas parroquias do rural (1,2 millóns de euros) e á transferencia que o Concello debe realizar a Deputación para comezar o primeiro tramo da Ronda Urbana (734.000 euros). Outros 550.000 euros destinaranse a expropiacións, entre elas, a dun dos molinos do Río dos Gafos.
O resto de cantidades, máis modestas que as anteriores, suporán poder afrontar os investimentos na rehabilitación da fachada do edificio consistorial da Praza de España (144.000 euros), as posibles indemnizacións por rescindir a adxudicación de Valentín García Escudero (294.000 euros), as melloras no campo de rugby de Monte Porreiro (46.000 euros) ou o convenio da UNED (55.000 euros).