Un Pedro Sánchez "muy animado" polas primarias do PSOE dáse un baño de masas en Ponte Caldelas
En Ponte Caldelas, hoxe non se falaba doutra cousa. Poucos eran os veciños que descoñecían que Pedro Sánchez ía visitar este mércores o municipio. Desde que o alcalde comunicou, a través da súa conta de Facebook, que o ex secretario xeral do PSOE ía pasar unhas horas na localidade, o balbordo foi constante. E iso notouse nas rúas do pobo.
Sánchez deuse un auténtico baño de masas en Ponte Caldelas. Arroupado polo alcalde e numerosos militantes socialistas, o político madrileño -que non deixou de sorrir durante toda a súa visita- desfíxose en halagos cara ao pobo e cara aos seus veciños, a quen lles dedicou continuos bicos, abrazos e apertóns de mans. E como non, máis dun selfie.
"Estoy muy ilusionado", repetía continuamente o líder socialista ao ser cuestionado sobre o proceso de primarias aberto no PSOE. Tamén o dixo ante os xornalistas, nunhas breves e improvisadas declaracións, nas que destacou que afronta o reto de recuperar o temón socialista "con ilusión y esperanza" e disposto a debater cos seus compañeiros.
Sobre a presidenta andaluza Susana Díaz, apenas unha frase. "Me parece legítimo que cualquier compañero presente su candidatura", dixo. O debate que se xere, segundo Sánchez, "será bueno para el PSOE" e espera que todos os militantes socialistas "disfruten de esta fiesta de la democracia que son las primarias".
Sen dúbida, a carga política do seu discurso preferiu reservala para Ourense, onde ía protagonizar un acto público.
En Ponte Caldelas, nunha visita cualificada como persoal, só quería gozar dun paseo tranquilo e dunha comida cun centenar de militantes e cargos socialistas, non só de Ponte Caldelas, senón tamén de Pontevedra, Cotobade, Soutomaior, A Lama ou Barro. Alí estaban, entre outros, Agustín Fernández ou Gonzalo Caballero.
Tal e como prometera o alcalde, cada comensal pagou o seu prato. No restaurante El Puente esperaba a Pedro Sánchez un menú do día composto por pescada á romana, tenreira asada e torta xeada. Pero antes, o ex secretario xeral do PSOE quixo dirixir unhas palabras de agradecemento á hospitalidade recibida.
Pero antes desta comida, Sánchez paseou a pé por Ponte Caldelas. Chegou ao Concello sobre as 13.50 horas. Viña directo do aeroporto de Vigo, onde achegouse Andrés Díaz no seu coche particular para recollelo. Nada máis saír do asento do copiloto, o dirixente socialista entrou na casa consistorial, onde saudou a parte dos traballadores e da corporación.
Tras percorrer todas as estancias do concello, o alcalde guiou a Pedro Sánchez polas rúas máis céntricas do municipio e mostroulle, entre outras, a estatua dedicada á troita, a Alameda, unha das fontes -de onde bebeu directamente- ou a ponte sobre o río Verdugo, onde realizaron continuas fotografías con todos aqueles que se cruzaban con eles.
Tamén houbo tempo para conversacións máis triviais. Como a que Sánchez mantivo cun veciño de Ponte Caldelas que, vestido cunha camiseta do Barça e co nome de Messi nas costas, achegouse a el para saudarlle. "Disfruta del 6-1 -en referencia á goleada ao PSG- y de lo bien que se vive en Galicia", díxolle. "Pero en fútbol, yo soy del Atleti".
A anécdota máis divertida produciuse na entrada ao restaurante. Mentres saudaba aos presentes, unha muller que estaba na beirarrúa de en fronte gritou: "¡Pedrooooo! ¡Aquí, detrás de ti! Soy Penélope", parafraseando ao dito pola coñecida actriz ao entregarlle o Óscar a Pedro Almodóvar. Non só provocou as risas do séquito que acompañaba a Pedro Sánchez. Tamén logrou o que buscaba. Dous bicos do ilustre visitante que hoxe paseou en Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
Pedro Sánchez gaña as primarias do PSOE: en Pontevedra, case dobra a Susana Díaz
Por Alejandro Espiño |
-
O Partido Socialista vive un bo momento... en Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Eduardo Madina, 'embaixador' de Susana Díaz en Pontevedra: "Yo solo contemplo que gane ella"
Por Alejandro Espiño & Alba Sotelo |
-
Pedro Sánchez recruece en Pontevedra, a cidade de Rajoy, as súas críticas á corrupción no PP
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pedro Sánchez fará campaña esta semana en Pontevedra para liderar o PSOE
Por Redacción |
-
Patxi López, parada pontevedresa para defender a integración no PSOE: "Si seguimos divididos, perderemos todos"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Patxi López explicará o domingo en Pontevedra o seu proxecto para o PSOE
Por Redacción |
-
Carmela Silva lamenta que Andrés Díaz use o Concello de Ponte Caldelas para promocionar a Pedro Sánchez
Por Anxo Lourido |
-
Ponte Caldelas, primeira parada galega na campaña de Pedro Sánchez polo liderado do PSOE
Por Alejandro Espiño |