Aumenta a doazón de sangue entre os vilagarciáns
Por Redacción
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) amosou o seu agradecemento ao concello de Vilagarcía de Arousa e aos oito centros de ensino infantil e primaria que, participaron na campaña "Mensaxeiros Solidarios" que tivo lugar a pasada semana neste municipio.
No transcurso da visita que a unidade móbil de ADOS fixo ata a rúa Castelao de Vilagarcía de Arousa os pasados días 9, 10 e 11 de marzo, recolleuse unha participación de 146 doadores. Esta cifra supón un incremento do 29% con respecto á media mensual de participación das visitas efectuadas por ADOS ata Vilagarcía durante o pasado ano.
Así mesmo, salientar que se duplicou a media habitual de persoas que doaban sangue por vez primeira, xa que foron 10 os cidadáns que doaron sangue por vez primeira a pasada semana neste concello pontevedrés.
Esta visita da unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue inscríbese dentro do programa "Mensaxeiros Solidarios", que se está a desenvolver en distintos municipios galegos ao longo do presente exercicio e que tenta achegar este acto solidario e xeneroso da doazón de sangue aos máis pequenos da casa.