Carlos Herrera: "Retirarme? De momento, sígueme interesando e emocionando facer radio todos os días"
Por Alejandro Espiño
"Cuanto me alegro de saludar a los primeros madrugadores". Así comezaba Herrera en la Onda desde un escenario especial, o Pazo de Mugartegui, sede da D.O. Rías Baixas. Alí, desde as seis de madrugada, moitos pontevedreses acompañaban a Carlos Herrera nos primeiros minutos dun programa que se prolongou durante seis horas. Pero o locutor quería máis. "Les invitamos a que se pasen por aquí y echen un rato con nosotros".
Entre "el viento y el agua de esta mañana en Pontevedra", dixo Carlos Herrera, discorreu un programa co que Onda Cero iniciaba un maratón de trece horas de radio en directo. A elección do novo Papa, o caso Bárcenas, a folga de Iberia ou unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acompañou ao locutor en Pontevedra, foron os seus temas de apertura.
Pero tamén houbo tempo para temas máis locais, entre eles, un faladoiro co escritor José Luís Alvite e o xornalista Josemi Rodríguez Sieiro, na que Pontevedra tivo un papel importante, con especial interese nos bailes do Casino, os viños e as camelias das Rías Baixas, o marisco de O Grove ou a beleza da Peregrina. Ao remate do programa, PontevedraViva puido manter unha breve charla co xornalista andaluz.
Foi o encargado de dar inicio ao maratón de trece horas de radio en directo de Onda Cero en Pontevedra, como foi esa experiencia?
Como vostede puido comprobar, foi unha experiencia agradable, confortable e grata. Sempre o é cando vés a esta xoia concreta do tesouro español e, particularmente, galego que é Pontevedra. O calor do público e a cordialidade que tiveron co programa foi extraordinario.
Supoño que será moi satisfactorio este contacto co seu público, moito máis directo que desde un estudo de radio...
Así é, aínda que suscita unha pequena dificultade técnica. Tes que escenificar un programa, pero non podes restarlle densidade radiofónica porque te escoitan máis persoas das que te ven. Hai que manter un equilibrio, é unha combinación de ambos factores que suscita un choque elemental de intereses. Ese día tes que dedicar parte do teu tempo a que te coñezan os que te ven e non te esquezan os que te oen.
Afianzado nas mañás de Onda Cero (séguenlle diariamente 2.061.000 oíntes, segundo o último EGM), en que momento profesional atópase Carlos Herrera?
"En días como o de hoxe tes que dedicar parte do teu tempo a que te coñezan os que te ven e non te esquezan os que te oen"
Teño 55 anos. Empecei cando tiña 20. 35 anos despois se lle digo que me atopo como un rapaz que empeza, mentiríalle, pero se lle dígo que estou a piques de formar parte de masa de prexubilados do país tamén lle mentiría. Estou nese estado intermedio, máis preto do segundo que do primeiro. Pero nun momento no que me segue interesando e emocionando todos os días facer un programa de radio.
Durante toda a súa traxectoria profesional pasou polas catro grandes cadeas de radio do país (Cadena SER, Onda Cero, COPE, RNE), tanto públicas como privadas, onde se sentiu vostede máis cómodo?
Eu por se acaso, o mellor o último. O que estou facendo agora e onde estou agora. Non tiven serios problemas de liberdade de tratamento de información en ningún dos lugares nos que estiven, nin sequera nos públicos. Os públicos teñen outras limitacións, non excesivamente constrictivas, ás que tes que adaptarte porque é o que hai. Pero, sen dúbida, o meu balance é feliz en todos os sitios nos que traballei. Pero se me preguntas onde gocei de felicidade plena, sempre lle direi que no último, neste.
E probou tamén a televisión. Gustaríalle volver?
O problema é que tanto a radio como a televisión son moi absorbentes. Facer radio e televisión á vez é complicado, e non quero deixar a radio para facer televisión. Ademais, na televisión non termino de atoparme, porque o que eu sei facer de verdade é radio. A verdade, se fose con outra idade, igual pensábao. Agora xa é complicado.
Sexa en radio, en televisión, en prensa escrita e agora, tamén, en Internet, e tendo en conta o momento económico, político e social no que vivimos, cre que é importante un xornalismo libre?
Un dos argumentos fundamentais da sociedade libre é o acceso á información e que esta sexa subministrada de forma independente. Que non sexa subministrada por grupos de interese, por grupos de presión ou por intereses políticos. O abano amplo de oferta informativa de España fai que iso estea razonablemente garantido.
E que lle parecen estas roldas de prensa sen preguntas que, polo menos desde a clase política, parece que se puxeron de moda?
"ÿ máis lexitimo someterse á pregunta incisiva, correcta e moi necesaria dos xornalistas. Se os políticos non o fan, eles saberán por que"
Unha rolda de prensa sen preguntas non é unha rolda de prensa. ÿ unha comparecencia á que ten dereito o comparecente, pero non é rolda de prensa. A min si non me deixan preguntar e o que queren transmitir é un comunicado, eu podo recollelo porque pode ter interese para os meus lectores ou os meus oíntes, pero iso é simplemente o comunicado unilateral dunha persoa. Eu creo que é máis lexitimo o segundo, someterse á pregunta incisiva, correcta e moi necesaria dos medios de comunicación. Se non o fan, eles saberán por que.
E xa para rematar, coa crise que están vivindo os medios de comunicación neste país, que consello podería darlle un profesional como vostede aos que están estudando Xornalismo ou aos que están empezando nisto?
Que traballen, se o teñen, claro. Non levar reloxo na pulsera, non ter présa por acabar e ter esperta na medida do posible a curiosidade. Non deixarse explotar, pero si dedicarse en corpo e alma a unha profesión que é absorbente ao máximo. E da que algúns conseguimos vivir. O que se trata é que poidan vivir disto todos os que se dedican a iso. Pero desgraciadamente non é así.