Superheroes por Pontevedra aprendendo como innovar na docencia
Por Alejandro Espiño
Xogar a través das novas tecnoloxías é unha conduta que tamén pode ter usos pedagóxicos. Esa é a filosofía da Gamification Jam, un evento que regresa a Pontevedra este sábado 18 de marzo e que o fai cargado de novidades, segundo explicaron os seus organizadores, Raquel Pedrouso e Aitor Barbosa.
A gamificación é unha fórmula para modificar as condutas partindo do xogo e cada vez máis son os docentes que recorren a esta nova vía para traballar e educar nas aulas, debido ao potencial que ten para crear novas dinámicas de grupo. Por iso, a xornada busca aprender e practicar fórmulas que rompan o formato habitual de ensino.
Así, mentres o pasado ano os participantes exerceron de axentes do FBI polas rúas de Pontevedra para descubrir un caso de asasinato, nesta ocasión meteranse no papel de superheroes. Percorrerán as principais prazas da cidade superando diferentes retos, cos que irán conseguindo insignias, puntos e premios.
Para iso, a Gamification Jam contará por vez primeira coa súa propia APP, desenvolvida en colaboración con Imagames SL, unha 'spin-off- da Universidade de Santiago, a través da que se poderán visualizar diferentes xogos e traballar as condutas para adquirir novas competencias e vivir experiencias alternativas á vida cotiá.
A xornada comezará ás 9.30 horas na Casa da Luz.
Ademais, pola tarde celebraranse dúas conferencias que impartirán expertos nacionais no ámbito da gamificación. Trátase de Jordi Muñoz, especialista na organización e desenvolvemento de competencias profesionais; e de Michael Bennett, que traballa na incorporación desta metodoloxía ás aulas.
As actividades poderán seguirse por redes sociais a través do hashtag #GJG2017, da conta de Twitter do evento, @gamificationjam, ou da súa páxina web.