A remodelación integral do multiusos da Xunqueira custará uns 300.000 euros
Por Alejandro Espiño
Sete mil usuarios ao mes. É a cifra de deportistas que empregan o pavillón multiusos da Xunqueira. O goberno municipal é consciente de que as instalacións non están nas mellores condicións, de aí que decidira sacar a contratación a súa remodelación integral. Estiman que o investimento podería superar os 300.000 euros.
O Concello recorda que nos últimos anos o pavillón sufriu reparacións parciais, pero agora precisa dunha intervención de envergadura que permita empregar o pavillón na súa totalidade. O proxecto foi encargado ao equipo de arquitectos Laf Artec.
Aínda que será este proxecto o que determine as necesidades que presenta a instalación deportiva, dende a Concellaría de Deportes deron unhas directrices sobre os elementos nos que necesariamente hai que intervir.
Así, o Concello propón actuar para mellorar o espazo de bancada para o público, instalar un montacargas e revisar toda a instalación en materia de accesibilidade, arranxar a cuberta das terrazas para resolver o problema de filtracións ou cambiar a iluminación da pista para acadar unha mellor eficiencia enerxética.
Ademais, está previsto renovar o sistema de auga quente sanitaria, substituír a caldeira, instalar ventilación asistida e mellorar todo o equipamento deportivo.
O pavillón multiusos da Xunqueira é xunto ao Pavillón Municipal, a instalación deportiva que máis usos ten durante todo o ano. Emprégase todos os días e está aberto dende primeira hora da mañá ata as doce da noite, agás os domingos pola tarde.
Relacionadas:
-
Reforma integral e "imprescindíbel" para o Pavillón Multiusos da Xunqueira
Por Diego Espiño |
-
A empresa Mecano Sport garantirá o mantemento da herba sintética da Xunqueira durante máis dunha década
Por Oskar Viéitez |
-
O novo campo de fútbol de Xeve, pensado para ter un "uso continuo"
Por Diego Espiño |
-
Arranxadas as pingueiras no Pavillón de Marcón, agora toca corrixir os estragos
Por Redacción |