O tripartito celebra que o PP se preocupe das terrazas "tras 16 años de pasividade"
Por Redacción
Desde principios de ano, o Concello de Sanxenxo traballa na futura ordenanza que regulará a actividade das terrazas da hostalería. Iso sábeo o PP, segundo o goberno municipal, porque destes traballos dará conta no próximo pleno. Por iso, acusan aos populares de "oportunistas" por presentar unha moción "sendo conscientes de que xa está en marcha".
En todo caso o tripartito "celebra" o interese do Partido Popular nesta cuestión, tras a "pasividade" demostrada durante os seus 16 anos á fronte do Concello. Esta conduta, sinalan, permitiu que o problema "se fora agravando", causando un "grave dano" tanto ao sector como á proxección exterior de Sanxenxo.
Os técnicos están a ultimar o estudo que será a base desta ordenanza.
A nova ordenanza incluirá un sistema de cotas baseado na categorización fiscal das vías públicas acorde coas súas repercusións comerciais, de forma que se elabore unha táboa na que se contemplen prezos diferenciados en función da rúa na que se atope o establecemento.
Ademais, a nova ordenanza de terrazas establecerá tres tipos impositivos a aplicar ás taxas dependendo da época do ano, de forma que o baremo sexa diferente en tempada alta, media e baixa.
O texto terá por tanto dúas vertentes diferenciadas, por unha banda establecer uns novos parámetros fiscais e por outra banda reordenar a ocupación do espazo público marcando uns criterios estéticos e de ornato comúns.
O Concello explica que a ocupación de rúas e prazas por parte das terrazas non foi abordada nos últimos anos, permitindo a implantación en determinadas zonas dunha ocupación "descontrolada" tanto no estético como no espazo, de maneira que mesmo en determinadas zonas "prívase aos peóns do dereito básico de accesibilidade".
O goberno local está convencido de que esta situación debe ser corrixida para que Sanxenxo poida lograr un equilibrio entre o desenvolvemento do seu sector hostaleiro e a imaxe de calidade que se pretende para este destino.
Unha vez que estea concluído o informe previo, o Concello iniciará conversacións cos hostaleiros locais para elaborar un texto de consenso. Ademais, dará participación na súa redacción ao conxunto da cidadanía, abrindo un período dun mes para que, a través da web municipal, os veciños poidan trasladar todas as suxestións que consideren oportunas.