A Deputación tallará os 333 eucaliptos da leira do Castelo de Soutomaior
Por Oskar Viéitez
As 33 hectáreas de terreo do Castelo de Soutomaior quedarán "libres de eucaliptos" nos próximos días.
O goberno provincial da Deputación de Pontevedra contratou a talla dos 333 exemplares desta "especie invasora" que están repartidas polas 25 hectáreas de explotación forestal que dispón o recinto do castelo.
É un asunto que a presidenta provincial, Carmela Silva, considera da "máxima relevancia" e unha mostra "de como entende esta Deputación o coidado do noso patrimonio ambiental".
Segundo explicou Carmela Silva, estes eucaliptos non soamente "impedían gozar das vistas" que ten este privilexiado espazo senón que ademais "supoñen un grave perigo ambiental". A presidenta explicou que estas árbores "non están protexidos, esquilman o chan, compiten moito pola luz a auga e os nutrentes do solo en detrimento de as especies autóctonas, que esas si que están protexidas", sinalou.
Ademais engadiu que polas súas características singulares os eucaliptos actúan como especie pirófaga que facilita a propagación dos incendios.
Por todas estas cuestións o goberno provincial considera que "vai ser moi beneficiosa" a erradicación dos eucaliptos "que son sen dúbida, unha lacra para a nosa natureza".
Os traballos para levar a cabo a talla xa foron adxudicados á empresa Díaz y Buceta S.L que ofreceu un importe de 34,24 euros por tonelada na mesa de contratación. Está previsto que a próxima semana "se o tempo acompaña" comece a talla que terá unha duración estimada de dúas semanas.
As pezas de maior porte serán aproveitadas pola empresa e o resto de menor tamaño serán destinadas á compostaxe.
"Como responsable política eu síntome moi satisfeita destas decisións", concluíu Carmela Silva.
Relacionadas:
-
Bueu aproba unha moción para reducir o eucalipto nos montes
Por Redacción |
-
Os eucaliptos do castelo de Soutomaior teñen as horas contadas, comezou a talla
Por Redacción |
-
60 colectivos esixen "eucalipto cero, como en Europa"
Por Oskar Viéitez |
-
Piden a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras
Por Oskar Viéitez |